A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ven de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe a ORDE do 22 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2021.
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras de varias liñas de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo, oso e xabaril), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies:
- Liña para a prevención de danos ocasionados polo lobo: para a adquisición de cans para a protección e defensa do gando, de pastores eléctricos e/ou de cerrumes de malla electrificada e para a adquisición e instalación de valados fixos, cuxa adquisición se faga, en todos os casos, con posterioridade á publicación desta orde.
- Liña para a prevención de danos ocasionados polo oso: para a adquisición de pastores eléctricos, cuxa adquisición se faga con posterioridade á publicación desta orde.
- Liña para a prevención de danos ocasionados polo xabaril: para a adquisición de pastores eléctricos, cuxa adquisición se faga con posterioridade á publicación desta orde.