Na mañá de onte, xoves día 1 de marzo, tivo lugar a xuntanza do Comité Galego de Caza, cuxos acordos servirán de base para confeccionar a “Resolución de Vedas” que regula os períodos hábiles de caza das distintas especies cinexéticas para a vindeira tempada de caza 2018/2019, do que o máis salientable é a ampliación do período de caza do xabaril motivado polos danos que está a producir.
O dito Comité estivo composto polos diferentes representantes dos cazadores galegos, entre os que se atopaban directivos e presidentes provinciais da Federación Galega de Caza, e todos eles encabezados polo presidente da FGC, Javier Nogueira Diz. Tamén estiveron representadas as asociacións de caza, entre as que se atopaba a Asociación Lucense de Caza, e representantes da administración autonómica. O Comité, estivo presidido pola directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz.
No transcurso da reunión, analizáronse as propostas dos catro comités provinciais de caza , de cara a establecer a normativa que regule os períodos hábiles e as especies que serán obxecto de caza na vindeira tempada. A FGC participou activamente na xuntanza, achegando as inquedanzas dos cazadores galegos recadadas nos diferentes comités.
Como posibles datas e períodos hábiles de caza, destacar o comezo, o 25 de agosto, das batidas ao xabaril e ao corzo, mentres que a tempada de caza xeral terá a súa apertura o 21 de outubro para rematar, como en anos anteriores, o 6 de xaneiro. A data de peche das batidas ao xabaril será o 3 de febreiro do 2019. Raposo, así como a prolongación da caza de arcea, rematarán o 10 de febreiro do 2019.
Queda todo emprazado para que sexa a Consellería do Medio Ambiente a que fixe, coa publicación da Resolución de Vedas, as regras que rexerán a práctica cinexética na nosa comunidade na vindeira tempada.