Competiron 20 especialistas e capturáronse 9 pezas das 30 que foron vistas.
Baixo a responsabilidade organizativa das Federacións Galega e Pontevedresa de Caza, coas que colaborou a Sociedade Forcaricense cedendo un precioso escenario competitivo do que pode presumir, concretamente 18.000 has. dun total de 21.000 que son as que conforman o Tecor de Forcarei; o pasado día 16 de decembro tiña lugar o XXII Campionato Galego de Caza de Arceas, clasificatorio para a final de España da especialidade. Proba na que tomaron parte 20 cazadores (6 de A Coruña, 5 de Pontevedra, 5 de Lugo e 4 de Ourense o non asistir un representante de Xinzo de Limia), entre os que se atopaba o ourensán, Jaime Pintos Davila, campión na pasada edición, pero que non puido revalidar o título nesta ocasión a pesar de lograr unha peza e 500 puntos. Título que lle arrebatou por merecementos propios o coruñés, Óscar Suárez Ventoso, quen meteu o morral dúas arceas.
A concentración (07.30 h.) levouse a cabo no Restaurante París de Forcarei, onde se repartiron posteriormente os dorsais e se deron as instrucións pertinentes. Pouco despois partíase cara a Área Recreativa “A Freixa” en Cachafeiro, punto escollido para montar o control e para dar a saída (9 h.) os competidores que terían ata ás 2 da tarde para patear polo monte na procura da escurridiza arcea. Cinco horas de exercicio para exercer a caza máis pura de tódalas modalidades xa que non admite sucedáneos por ser un paxaro migratorio que pasa o inverno entre nos pero que non se pode criar en catividade. Por elo lograr 9 capturas da trintena que se viron é un moi bo resultado, e así o recoñecía a meirande parte dos competidores.
A dirección do torneo correu a cargo do coruñés, José María Álvarez Villar, quen, sen que houbese ningunha reclamación, o remate da contenda deu por bos estes resultados:
CLASIFICACIÓN
- 1º e campión, Óscar Suárez Ventoso (A Coruña), con 2 pezas e 1000 puntos. Cazou coa cadela “Nava”
- 2º e subcampión, Manuel Rodríguez Quiroga (Lugo), con 1 arcea e 500 puntos. Auxiliouse coa cadela “Blanca”.
- 3º, Jorge Vázquez Iglesias (Ourense), Tamén con unha arcea e 500 puntos. Acompañouse con “Musa”.
Os dous primeiros defenderán a Galicia na Final de España que se celebrará en terras cántabras, concretamente na Reserva Natural de Saja-Besaya.
Para concluír sinalar, que a comida de Clausura (extraordinaria, coa afamada richada de prato estrela), asistiron diversas autoridades locais, provinciais e autonómicas, entre as que hai que salientar a presenza do presidente social , José Manuel González Picón, do Presidente federativo en Pontevedra, Paco Couselo; do Tenente de Alcalde de Forcarei, Vicente Búa; do Xefe Provincia de Deportes, Daniel Benavides, e do Secretario Xeral da Federación Galega de Caza, Ramón Rodríguez Covas, entre outros.
Rexedores que pronunciaron breves discursos de agradecemento, poñendo tamén de manifesto o bo facer deportivo dos participantes, as magnificas condiciones que ten este Tecor para a celebración destas probas e a boa organización. Finalizados os discursos procederíase a entrega de trofeos e medallas os gañadores en medio dun extraordinario ambiente de camaradería e deportividade.
Dicir tamén, que de todo o acontecido teremos unha completa información na páxina Web da Federación e no Canal de YouTube de LUMAVISIÓN GALICIA xa que, como ven sendo habitual ultimamente, esta produtora desprazou ata Forcarei un equipo para seguir este acontecemento deportivo-cinexético.