O proxecto dunha licenza de caza única para toda España segue adiante. Cada vez son máis as comunidades autónomas que se suman a esta iniciativa do que de momento se pode denominar licenza interautonómica.
Castela e León, Castela A Mancha, Estremadura, Madrid, Aragón e Asturias están en trámites para a sinatura do convenio, e xa se prevé que a Comunidade Valenciana ou Cantabria se unan nas vindeiras semanas ou meses, polo que xunto con Galicia quedaría resolto un problema histórico para os cazadores galegos, xa que, á falta de Andalucía, son estas rexións as máis visitadas polos cazadores da nosa comunidade.
Galicia, tras a sinatura do protocolo de colaboración fai un ano, xa ten moi avanzados os trámites necesarios para a sinatura do convenio. No Consello da Xunta acordouse xa o envío ao Consello consultivo, e será tras o ditame deste cando se remitirá o convenio ao Parlamento de Galicia para, finalmente, ser asinado polos presidentes autonómicos.
É importante destacar que, a pesar das informacións que se veñen dando nos últimos meses na prensa, aínda non é posible emitir esta licenza interautonómica, e que tan só se están dando os pasos necesarios para que sexa, máis pronto que tarde, unha realidade que sen dúbida é unha demanda histórica dos cazadores de toda España, e pola cal dende esta Federación Galega de Caza se ven loitando e reivindicando nos últimos anos.