Tras facerse público que o Consello da Xunta, aprobaba, na reunión do pasado xoves (7 de febreiro) o anteproxecto da Lei de Caza de Galicia, a FGC convocaba con carácter de urxencia á Comisión de Caza da Federación, que se reunía ao día seguinte en Santiago de Compostela.
Durante 11 intensas horas os membros da Comisión fixeron un profundo análise e debateron o texto aprobado polo Consello da Xunta, que introduce cambios substanciais respecto do primeiro borrador. A este respecto a FGC manifestaba a súa desconformidade, en especial coa redacción dos artigos referentes ás zonas de seguridade e á responsabilidade polos danos que causen as especies cinexéticas. Precisamente estes artigos foron os máis controvertidos e debatidos durante as reunións previas mantidas coa Dirección Xeral de Conservación, mesmo chegándose a pactar unha redacción alternativa que finalmente non se viu reflectida no novo texto.
No referente á responsabilidade polos danos causados polas especies cinexéticas, a FGC propón que se invirta o cargo da proba, é dicir que a proba por falta de dilixencia na conservación do acoutado, ou na acción de cazar, corresponda ao reclamante, e que a proba da procedencia corresponda a quen reclame.
O anteproxecto tamén significa un paso atrás respecto da idade de incorporación dos cazadores noveis, non é de recibo que no resto de España se poidan incorporar aos 14 años e en Galicia teñan que agardar aos 16, e, resulta cando menos chocante, que un menor de 14 anos poida utilizar unha arma pero non poida cazar.
A Federación tamén bota en falta, na exposición de motivos, unha mención especial ás sociedades de caza como organizacións exemplares na adaptación á Lei anterior (Lei 4/97).
Os representantes federativos, que teñen previsto reunirse durante os próximos días co Director Xeral e co Conselleiro, trasladaran novamente aos responsables da Xunta un informe que recolle unhas 50 achegas ao novo texto do anteproxecto; no caso de non chegarse a consenso a Federación non descarta convocar aos cazadores galegos para informarlle polo miúdo da situación da nova lei, así como traslada-lo informe ao resto dos grupos parlamentarios.