Volver ao inicio
Inicio Calendario Buscar Contacto

 
MENÚ
Últimas novas
Buscar
Ver arquivo de novas
Ver novas por ano
Revista de prensa
Imprimir esta nova
Convivir co lobo, a asignatura pendente
contan os vellos que quen ve un lobo queda paralizado, que un calafrío lle percorre o corpo cando o animal está cerca e que quen lle mira ós ollos lembrará a imaxe de por vida. Este animal foi dende sempre unha das especies máis temidas polo home e, á vez, das máis admiradas. Símbolo de forza, bravura e lealdade ó grupo, o lobo protagonizou lendas ó longo dos tempos e por méritos propios conserva aínda hoxe o respecto das especies coas que convive, entre elas a humana.
| Pilar G. Cheda · 1/5/2011

Defensores e detractores non chegan a entenderse. Concordan en que a especie é necesaria para o equilibrio natural. Tamén coinciden en que a súa acción predadora está provocando cuantiosos danos ós gandeiros que é preciso evitar para que non carguen cos custos da permanencia do lobo nos montes. Sen embargo, distáncianse radicalmente cando se baralla a opción de cazalos. Mentres gandeiros e cazadores cren que sobran lobos, os ecoloxistas insisten en que é o home quen debe tomar medidas de seguridade e evitar invadir o medio do animal.

Os expertos aseguran que hai lobos en todo o territorio galego, concentrados en zonas montañosas. Ninguén sabe cántos exactamente, pero, como as meigas, habelos hainos. A Consellería de Medio Rural estima que podería haber entre 420 e 625.

Viven en grupos que oscilan entre os catro e os dez exemplares. Segundo a Asociación para la Conservación y Estudio del Lobo Ibérico, unhas 20 manadas móvense pola provincia de Lugo. A maior parte están nos Ancares, O Courel, a comarca da Fonsagrada e algúns concellos montañosos como Triacastela, Samos ou O Incio, entre outros.

Ataques
Entre outubro do 2009 e setembro do 2010, Medio Rural recibiu notificación de 530 ataques de lobos a reses en Galicia, polos que aprobou unhas compensacións de 166.921 euros. Dende o 1 de outubro do 2010 ata hoxe os gandeiros notificaron á consellería 195 ataques máis, polos que cobrarán 58.921 euros.

Entre o 35 e o 40 por cento dos ataques rexístranse en Lugo, segundo os datos do sindicato Unións Agrarias, dos que se deduce que esta provincia é o territorio galego con máis concentración da especie.

A Xunta convoca cada ano unha liña de axudas para compensar os danos que ocasiona o lobo ó gando e outra para establecer medidas de protección. Os gandeiros consideran que a contía de ambas é insuficiente, que non cubren os danos, que esixen demasiada burocracia e que a Administración tarda en pagar.

Unha das principais dificultades para cobrar é demostrar que as reses foron vítimas dos lobos, pois é doado confundir os ataques cos de cans salvaxes. Para certificar con certeza as feridas dun lobo é preciso atopar a res nas 72 horas seguintes ó ataque, un tempo que resulta curto para a gandería extensiva. Unha vez detectada a perda, o propietario ten 24 horas para dar parte á Consellería de Medio Rural, que enviará uns técnicos para elaborar un informe.

Os gandeiros reclaman que estes mesmos técnicos podan recoller a demanda, pois a normativa obriga a que sexa o dono das reses quen se desprace ata unha oficina da Administración para formalizar a petición de axudas.

A excesiva burocracia disuade a moitos de facer o trámite. «Por unha ovella nin te moves porque o que che van dar por ela non compensa nin os desprazamentos», asegura Raquel Zolle, técnica do grupo de desenvolvemento rural Ancares-Courel.

Os grupos de desenvolvemento rural Montes e Vales e Ancares-Courel participan no Proyecto Wolf, un programa de debate aberto para buscar un achegamento entre tódolos sectores implicados co lobo. O obxectivo é consensuar medidas para favorecer a convivencia entre a fauna salvaxe e a gandería.

Tras varias xuntanzas e debates entre representantes dos gandeiros, das administracións, dos cazadores e de colectivos ecoloxistas hai coincidencia nun punto. «Non deben ser os gandeiros quen asuman os custos do lobo». Raquel Zolle explica que con este punto de partida deseñáronse catro liñas de traballo.

A primeira ten como fin mellorar a xestión das axudas por danos, reducir os prazos de pago e os trámites. Unha segunda liña de traballo vai dirixida a optimizar as medidas de prevención e a estudar alternativas ás tradicionais, centradas en peches, cans mastíns e burros para o gando extensivo.

As subvencións da Xunta cubren parcialmente o custo de pechar as fincas. A maioría dos gandeiros opta por cercas e pastores eléctricos, que son efectivos para o gando ovino, caprino e porcino, pero inútiles para o bovino e o cabalar cando se cría en réxime extensivo, ceibo no monte. Unha das opcións máis utilizadas neste caso é acompañar as vacas de burros, que teñen máis instinto para detectar o lobo e alertan as reses para axilizar a fuxida.

Mastíns
Os mastíns son outra medida habitual de prevención dos ataques. A asociación de criadores de gando ovino e caprino Ovica desenvolve un programa de cría desta raza de cans para suministrar exemplares ós gandeiros.

Joan Alibés, membro de Ovica, explica que a asociación entregou máis de cen mastíns en toda Galicia, dos cales 36 están en Lugo. Os cans entréganse ós gandeiros con pautas de adestramento, fundamentais para que reaccionen de xeito efectivo ante un ataque de lobos. «Para defender correctamente, o can ten que ver o rebaño como a súa familia, non á xente», explica Alibés.

Esta raza é especialmente axeitada para defender o gando tanto por instinto e comportamento como por tamaño e potencia de ladrido.

Ovica programa a cría de mastíns en función da demanda. Son cans de raza garantida, fillos de exemplares que están en activo en explotacións gandeiras. Ata este ano, a Xunta subvencionaba a compra, pero suprimiu a axuda e agora son os gandeiros quen deben pagar pola crianza dos cans.

Tódalas partes destacan a necesidade de prevención de ataques e a importancia de estudar medidas novas, pois as habituais resultan insuficientes para algún tipo de gando. Unha proposta neste sentido chega dende o sindicato Unións Agrarias, que considera que sería viable a xestión de comedeiros controlados para lobos. Lembra que a práctica de tirar reses mortas ó monte foi tradicional durante séculos e facilitou a coexistencia da especie coa gandería. En épocas de escaseza de comida, este sistema podería reducir os ataques ó gando, en opinión de Jacobo Feijóo, de Unións Agrarias.

Política
A terceira liña de estudo dos GDR dentro do Proxecto Wolf pretende consensuar unha proposta de cara á nova Política Agraria Común (PAC). Entre as medidas estúdase reclamar un pago para os gandeiros que residen en zonas con presencia de animais salvaxes.

A última proposta de traballo céntrase no control dos lobos. Este aspecto é o máis controvertido, dada a oposición dos ecoloxistas ás batidas. É unha idea moi cuestionada que, en opinión de Raquel Zolle, «hai que madurar».

A conclusión de tódalas partes é simple: Home e lobo están obrigados a convivir e buscar o xeito correspóndelle á parte racional.

SITUACIÓN
O 64 por cento das mortes de lobos son por atropelos
A Asociación para la Conservación y Estudio del Lobo Ibérico sostén que o 64 por cento das mortes de lobos que se rexistran débense a atropelos por parte de vehículos. Os últimos datos remítennos ó ano 2000, no que se contabilizaron nove lobos mortos nas estradas lucenses. A media anual en Galicia é de 19 exemplares falecidos por esta causa.

Os ecoloxistas ligan esta situación á proliferación de parques eólicos, que derivan na construción de pistas en lugares frecuentados polos animais e incrementan o risco de accidentes.

Veleno
Este colectivo de defensa do lobo apunta, ademais, que os velenos tamén ameazan á especie, que está considerada de interés comunitario e, polo tanto, a súa pervivencia debe ser garantida polas administracións.

Dende outubro rexistráronse 195 ataques a reses en Galicia
A Consellería de Medio Rural recibiu notificación de 195 ataques de lobos a reses dende o mes de outubro. Esta cifra é orientativa da actividade dos animais, pois só contempla os ataques nos que se demostrou que foi o lobo e que, polo tanto, son susceptibles de recibir compensacións económicas. En ocasións, os gandeiros tardan máis de 72 horas en descubrir os animais mortos, o que dificulta a identificación do agresor. Os ecoloxistas denuncian, por outra parte, que algúns ataques de cans se atribúen a lobos.

Na provincia de Lugo hai unhas 20 manadas de entre catro e dez lobos, asentadas sobre todo en zonas montañosas

Francisco López Penela, presidente da Federación Provincial de Caza de Lugo: "Nos Ancares había máis de 500 corzos e por culpa dos ataques quedan uns 70"

Os cazadores están molestos pola acción do lobo sobre especies como o corzo ou o xabarín. Aseguran que a labor depredadora desta especie minguou notablemente o número de corzos nos últimos anos nos Ancares e A Fonsagrada, prexudica a actividade cinexética e os ingresos que xera nos negocios locais.

O presidente da Federación Provincial de Caza de Lugo, Francisco López Penela, asegura que «a reserva de caza dos Ancares está sufrindo moito polos ataques dos lobos, había 500 corzos e deben quedar uns 70».

López Penela explica que os corzos son unha presa fácil para os lobos en época de neve porque perden mobilidade. «O corzo deféndese mal na neve e nas montañas de Lugo, no inverno, o lobo fai auténticas masacres. Vas polo monte e ves pegadas de lobos e corzos mortos a feito», asegura o presidente dos cazadores lucenses.

Explica que esta situación está reducindo os ingresos dos tecores, que antes podían vender permisos de caza de corzo a xente doutros puntos de España. Tamén subliña as consecuencias para os negocios de hostalería e hospedaxe.

Na súa opinión, sería necesario un maior seguemento do número de lobos. «Hai pouco control e, polo tanto, exceso de poboación. A caza dá moito diñeiro na provincia de Lugo e o lobo está influíndo moito na súa desaparición», sostén.

Rubén Portas, da Asociación para la Conservación del Lobo: "Matar lobos pode desestruturar as manadas e provocar máis ataques"

O control dos lobos a través de batidas é unha das medidas máis discutidas. Os estudosos da especie desaconséllana se non se dan casos extremos de moitos danos e moi graves. Explican que os lobos cazan en grupos, liderados polos exemplares adultos experimentados. Se estes membros da manada desaparecen o grupo queda sen referente e caza de xeito descontrolado, recorrendo a presas fáciles como pode ser o gando recluído en peches.

Rubén Portas, membro da Asociación para la Conservación y Estudio del Lobo Ibérico, explica que matar estes animais non garantiza que vaian diminuír os ataques. «Ó contrario, son máis propensos a cazar á desesperada», puntualiza.

Portas sostén que as axudas da Xunta para os gandeiros son insuficientes e están suxeitas a moita burocracia. «Pagan tarde, mal e a rastro». Sen embargo, tampouco está de acordo con establecer un pago único para todos aqueles que vivan en zonas con presencia de animais salvaxes. Entende que pode ser contraproducente. «Non se pode facer funcionarios ós gandeiros, é preciso que tomen medidas de prevención, que non se limiten ás axudas».

Neste sentido, defende a actividade profesional. Asegura que «a maior parte dos ataques os sofren gandeiros non profesionais, que non toman medidas de prevención e non teñen moita vixiancia».

Constata a necesidade de máis axudas por daños e para prevención, pero previo estudo das necesidades de cada explotación. Entende que cada gandería ten unhas características, unhas debilidades e unhas necesidades específicas. «Por exemplo, os cans son eficaces para peches e gando ovino, pero non para gandería extensiva, que precisan un sistema de protección de xatos».

Jesús Cudeiro, gandeiro de Carballedo afectado polos ataques: "Vin como un lobo cargaba ó lombo un porco de 80 quilos e fuxía ó galope"

Jesús Cudeiro deu conta da perda á Xunta e espera cobrar algunha axuda, pero ten claro que «son lentas e quén sabe cándo chegarán». De momento, xa mellorou o peche da súa finca cun pastor eléctrico e sustituíu as tres ovellas mortas por dúas cabras, «que tamén comen as silvas e os toxos».

Ésta non foi a primeira experiencia de Cudeiro co lobo. Cría porcos dende hai tempo e di que viu manadas en varias ocasións merodeando as súas terras. «Teñen atacado algún becerro, pero nunca chegaron a matalo», explica.

Este gandeiro de San Mamede, en Carballedo, conta que tiña que facer garda cando había porcas paridas para evitar os ataques. «Cheguei ver ata cinco lobos xuntos, pero nunca entraron estando eu cerca». Comenta que «os cans facíanlle frente a un, pero cando viñan varios tiñan medo e escapaban».

Aínda que os lobos lle dan preocupacións e gastos, entende as razóns dos ataques. «Son animais, teñen fame, é normal que busquen comida». Conta que antes, cando non estaba prohibido, se morría un animal nunha granxa tirábase no monte, para que os lobos comesen e non fosen en busca de alimento ás casas.

«Un día, hai xa anos, boteilles un porco de 80 quilos que me morrera. Apareceu un lobo tan grande que o colleu cos dentes, dun empuxón botouno ó lombo e fuxiu ó galope. Foi impresionante ver a forza que tiña», lembra Cudeiro.

 

Jesús Cudeiro tiña tres ovellas que serviron de cea ós lobos unha noite do pasado novembro. Estaban nunha finca pechada por un aramado de 1,90 metros que non foi capaz de frear o ataque.

«Os lobos trepan, o peche tiña case dous metros de alto e non chegou para paralos», explica o propietario do gando.



Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza