Volver ao inicio
Inicio Calendario Buscar Contacto

 
MENÚ
Últimas novas
Buscar
Ver arquivo de novas
Ver novas por ano
Revista de prensa
Imprimir esta nova
Accidentes pola fauna salvaxe
OS ACCIDENTES de circulación causados pola fauna salvaxe son un risco importante para a seguridade viaria con resultado de vítimas e danos económicos, que orixinan litixios importantes e afectan ademais ás poboacións animais.
| Francisco Sineiro · 29/9/2009
Hai un elevado número destes accidentes, causados sobre todo por especies cinexéticas, que en Galicia son sobre todo dos xabarís e corzos. No conxunto de España estes accidentes foron máis de 6 mil no último ano, que provocaron case vinte mortos e unhas 480 persoas feridas de diversa consideración; mentres que en Galicia chegaron aos 1.800, dos que uns 700 estiveron na provincia de Lugo.

Estes accidentes provocan litixios importantes, debido a que a normativa actual (Lei 17/2005) distribúe as posibles responsabilidades a tres niveis. Considera que o condutor é o responsable dos danos cando se lle poida imputar o incumprimento das normas de circulación; mentres que lle serán esixibles aos titulares dos coutos de caza cando sexan consecuencia directa da acción de cazar ou dunha falta de conservación do terreo acoutado, ou á Administración titular da vía pública como consecuencia da súa responsabilidade no estado de conservación da mesma e da súa sinalización. Esta normativa mellora a situación anterior que provocaba numerosos pleitos contra os títulares dos coutos e que puxera en situación económica crítica a varios deles, pero ao mesmo tempo é unha fonte de conflitos polas dificultades prácticas de probar en boa parte dos casos os supostos citados.

Por iso é moi interesante un traballo de fin de carreira realizado na Escola Politécnica Superior de Lugo por Ibán Vázquez González, que foi titorado polos profesores Marey e Díaz. Ao meu entender é un exemplo do empuxe e preparación que trae esta nova xeración de xoves como Ibán, que con moito sentido común (o noso sentidiño) encamiña o problema á súa prevención, reforzando a seguridade viaria. Para iso estudou en detalle as características destes accidentes ocorridos na provincia de Lugo; isto é, o peso de factores como a hora, día e mes do ano no que se producen e a relación da vía cós tipos de aproveitamento das terras mediante o uso das modernas técnicas cartográficas con base informática. Dise modo puido sinalar unhas zonas de concentración de accidentes e despois estudar diversos modos para a súa prevención e corrección e estudar o seu custe e eficiencia. As medidas ían desde a construción de pasos especiais e o uso de dispositivos luminosos, de lectores de movemento ou de repelentes para os animais, ao establecemento de bandas sonoras, de reforzamento da sinalización ou campañas de sensibilización, así como desbroces ou cercados especiais nalgúns puntos das vías. Seica que é só un primeiro paso, que precisa de ser afondado, pero non debera quedar en saco roto pola importancia do tema e para apoiar o esforzo de persoas competentes e traballadoras como Ibán. Que teñas a sorte que mereces no teu novo título de Enxeñería Técnica de Obras Públicas.


Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza