Manuel Saa Casariego (Foz-Lugo, 61 anos) repetirá como presidente da Federación Galega de Caza na Coruña. Leva xa oito anos e encara un terceiro mandato. O venres gañou as eleccións celebradas en Carballo, onde está a sé da federación, impoñéndose ao outro candidato, o coristanqués José María Álvarez, por 58 votos a 54. Un resultado semellante ao de hai oito anos (nas anteriores no había alternativa), tamén fronte ao mesmo contendente, por 57 a 47.
Saa foi 21 anos presidente do tecor Ortegal, en Ortigueira, municipio no que é funcionario dende 1971. Dende que ocupa a presidencia céntrase nela exclusivamente, apoiado por un grupo de xente na directiva no que a maioría son de Bergantiños e arredores.
-¿Como viviu a campaña?
-Ben, máis ou menos como a outra vez. Igual que a A-6 divide a caza en dous sectores na provincia, as sociedades tamén están repartidas. Eu espero que agora que remataron as eleccións todos sigamos unidos. Eu, con José María, non teño ningún punto de discrepancia.
-Hai moitos temas nos que ten que traballar. Un deles, a seguridade. De vez en cando hai accidentes, sobre todo en caza maior. Hai pouco, un en Cee. ¿Que se pode facer?
-Bastante, porque aínda hai moito que mellorar para ter máis seguridade. Precisamente hai uns días dei unha charla en Santa Comba, apoiado por deuvedés, para falar sobre este tema. Pensei que as sociedades terían máis interese. Hai unha serie de cousas que hai que recordarlles constantemente, evitar eses que cando saen de caza só queren matar e matar. Xente que non se dá conta de que teñen armas perigosas nas mans e pensan que son pequenas. Algunha, cun alcance de 5.000 metros.
-¿Que se pode facer?
-Asistir a cursos, a charlas. O xefe de cuadrilla ten que poñer aos cazadores nos seus postos. Saber onde se pode tirar. Ter claro cal é o compañeiro da dereita e da esquerda. Non se poden mover: isto é esencial. Como digo eu, o xefe ten que ter trinta candados e unha soa chave. Nunca tirar para arriba. Sabemos de onde sae a bala, pero non onde cae. Pode haber rebote. O ángulo non debe de superar os 30 graos. Estas normas hainas que repetir cada tres ou catro días, porque somos moi olvidadizos. E sempre hai algo que non das controlado.
-¿E os controis de alcoholemia?
-A ver, a xente ten que ir ao monte e non estar nos bares. Hai moitos anos, a Garda Civil quería que estiveran aí para ter a todo o mundo controlado. Pero o que hai que estar é no monte, concentrarse aí. E cando acabas, recolles e vas aos bares ou a onde queiras. Pero antes, non.
-Na miña zona úsanse dende hai moito, e en xeral na parte norte. É certo que noutras, menos. Ata agora era recomendable, pero coa nova lei de caza será obrigatorio. A algúns non lle gusta porque chama a atención. Antes íase ao monte de camuflaxe, seica para non chamar a atención dos animais, pero os animais non ven as cores, senón o movemento.
-¿Que se pode facer cos danos aos cultivos?
-Pensamos todos o mesmo, e ademais a nova e inminente lei de caza xa prevé un fondo de compensación para os afectados. Pero, ademais, existe un protocolo preventivo da federación de propietarios rurais, produtores de caza e conservadores do medio natural (Aproca) do ano 2009, que en Ortigueira comezamos a aplicar este ano e no 80 % danos resultado. Implica un control exhaustivo das especies. E se hai que matar máis, facelo. E obriga a facer limpeza dos laterais das autoestradas, facer comedeiros para concentrar aos xabarís, implicar aos concellos neste mantemento.... É un gasto moi económico e compensa. Nós en Ortigueira, con 20.000 hectáreas, só gastamos 2.300 euros. |