No serán de onte día 25 de abril, unha representación da Federación Galega de Caza composta polos Presidentes Provinciais das Federacións de Lugo, Ourense e Pontevedra, Francisco López, José Luís Leites e Juan Ángel Alonso respectivamente, así como do Vicepresidente, José Luís Valcárcel, Tesoureiro, Manuel Pérez e o Secretario Ramón Rodríguez da Federación Galega de Caza, encabezados todos eles polo Presidente da FGC, Javier Nogueira, reuníronse co Conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas Agustín Hernández, o cal estivo acompañado durante a xuntanza polo Director Xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón.
A xuntanza comezaba coa presentación da Federación Galega de Caza ante dito Conselleiro debido a reestruturación que se produzo nos órganos de goberno da Xunta de Galicia, pasando a actividade cinexética a formar parte da Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas.
Perante a presentación polos entes federativos, estes deron coñecemento da estrutura federativa e da importancia desta Federación no tocante a número de cazadores e sociedades federadas. Números estes que fan que a FGC sexa a terceira máis importante no ranking autonómico das federacións deportivas galegas.
O presidente da FGC, Javier Nogueira, tamén subliñou a importancia da actividade cinexética como novo sector económico puxante na sociedade galega así como a importancia desta actividade a nivel social e medio ambiental, sendo necesaria a súa promoción, divulgación e posta en valor; tratando, nese senso, as distintas achegas realizadas pola FGC ao anteproxecto da Lei de Caza de Galicia.
Xa na segunda parte da xuntanza, tamén houbo un tempo para tratar un tema tan delicado e esencial para a sociedade galega como son dos danos producidos pola fauna salvaxe tanto nos cultivos como nas estradas. Sendo preciso a colaboración de dita Consellería con actuacións tendentes a minimizar os danos producidos por estas especies, e o recoñecemento por parte de todos da caza como regulador dos ecosistemas e como elemento imprescindible na sua xestión.
Outro dos puntos de interese tratar, foi a solicitude da FGC para a descentralización das Licencias de Caza en Galicia, xa que sendo a Federación Galega de Caza unha entidade representativa dos cazadores galegos debera ter acceso para poder tramitar directamente ditos documentos facilitando deste xeito os tramites administrativos ao cazador.
Rematada a xuntanza, os representantes federativos destacaron a moi boa disposición por parte do Conselleiro Agustín Hernández ante os temas e puntos tratados durante a reunión, amosando un destacado interese e sensibilización coa caza.