APRAZAMENTO XABARIL |
O equipo formado por Martín, Antonio e Javier Dopazo gañadores da IV edición da proba de Aprazamento a Traela de Xabaril de Monte |
17/4/2012 |
A proba congregou a 20 equipos e disputouse no concello pontevedrés de Pazos de Borbén O pasado sábado día 14 de abril disputouse en Pazos de Borbén a IV edición da Proba de Aprazamento a Traela de Xabaril de Monte. Unha proba pioneira a nivel nacional e que congregou a 20 equipos compostos por 3 monteiros cada un e que se desenrolou nos Tecores de Pazos de Borbén, Gargamala-Traspielas, Fornelos de Montes, Mondariz, Soutomaior e Ribadetea-Padróns. A organización da proba correu a cargo da Federación Galega de Caza en Pontevedra contando coa inestimable colaboración das Sociedades de Caza de ditos Tecores mencionados anteriormente. Un total de 60 monteiros se concentraron as 7:30 horas da mañá do pasado sábado para participar nesta proba. Unha competición na que prima a rapidez e efectividade no aprazamento do xabaril do monte rastrexando en equipos de 3 monteiros con cadanseu can atrelado. As condicións climáticas non apuntaban ao optimismo xa que unha intensa choiva durante a noite anterior e toda a mañá puxo as cousas moi complicadas a cans e monteiros. Pero, unha vez máis, quedou demostrado o bo nivel en rastro que posúe a nosa comunidade sendo moi numerosos os apraces efectivos que se conseguiron entre os equipos participantes. Foi o equipo composto por Martín, Antonio e Javier Dopazo o que realizou o aprace máis axiña sendo as 9:09 horas, co cal acadou o primeiro posto desta IV edición. En segundo posición situouse o equipo composto por Gerardo Álvarez, Daniel Cochón e Gonzalo Cores ás 9:16 horas. Completou o pódium o equipo de Germán Pose, Adolfo Vázquez e Luis Miguel Conde as 9:18 horas. A guinda a esta proba de rastro de xabaril púxoa un xantar de irmandade entre participantes, presidentes de sociedades, xuíces e autoridades. Entre as autoridades que compartiron mantel atopábanse Javier Nogueira Diz, presidente da Federación Galega de Caza, Juan Ángel Alonso Pérez presidente da Federación Galega de Caza en Pontevedra e Roberto Carlos Costa Tellado, secretario da FGC en Pontevedra e principal promotor e organizador desta novidosa e exitosa proba de Rastro de Xabaril. |