DIVULGACIÓN
ACCCMG celebra unha xornada sobre o corzo na localidade ourensá de Cea
27/3/2012

O pasado 24 de marzo tivo lugar nas magníficas instalacións do Auditorio Municipal de Cea, en Ourense, as segundas xornadas formativas desta tempada da “Asociación de Clubes e Cazadores de Caza Maior de Galicia” (ACCCMG). Nesta ocasión xiraron arredor das especificidades do corzo, peza realmente abundante no monte galaico.

As catro poñencias, presentadas polo Presidente da ACCCMG, Óscar Garriga, correron a cargo do Profesor Luís Eusebio Fidalgo (Presidente do Grupo Corzo da RFEC) quen falou de cuestións biolóxicas; en segundo lugar interveu Antonio Chaín (consumado axexador de corzo) quen falou das técnicas e instrumentos do axexo. Pechou a terna sobre o corzo Antonio Bello (exSecretario da FGC) quen disertou sobre a tradicional modalidade da batida para o corzo.

O broche final púxoo Tirso Leal Vázquez, delegado para Estremadura da Asociación Española del Perro de Sangre (AEPES), quen cautivou aos asistentes coa idea de formar condutores oficiais de can de sangue en Galicia.

Como conclusións, xa en mesa redonda, plantexouse unha proposta firme para que o Comité de Caza asuma os postulados que, entre outros, ven publicitando a ACE de cara a un desprazamento do descaste de femias en batida a xaneiro e febreiro.

Aínda que non se encheu ata a bandeira, de entre o público asistente cabe destacar ao expresidente da Federación Galega de Caza en Pontevedra, o Sr. Fraga Boullosa, así como o seu actual Vicepresidente, Francisco Couselo. Amén dun grupo de cazadores portugueses que seguiron con grande interese as conferencias.

Texto e fotos: Asociación de Clubes e Cazadores de Caza Maior de Galicia