PREMIOS XORNALISMO
A traxectoria do xornalista cinexético Luís Macías, recoñecida nos VII Premios Galicia de Xornalismo Deportivo
7/3/2012

O Teatro Rosalía de A Coruña acollía o pasado luns a gala de entrega dos VII Premios Galicia de Xornalismo Deportivo, que cada ano entrega a Federación Galega de Prensa Deportiva.

Un total de sete categorías compoñen estes premios, que abranguen todos os medios posibles de periodismo, dende os máis antigos como o escrito e o radiofónico aos máis actuais como o audiovisual e online.

Entre os premiados este ano atopábase o periodista especializado en caza e pesca Luís Macías, colaborador habitual da Federación Galega de Caza dende hai máis de 20 anos e que recibía o Premio á Traxectoria Profesional da provincia de Pontevedra. O periodista vigués sumaba outro importante recoñecemento ao seu palmarés, pois xa recibía tamén o pasado ano un premio da Real Federación Española de Caza á sua labor periodística especializada.

Destacaba tamén na noite do luns o premio “Enrique Mariñas” recibido pola periodista Olga Viza, premio de maior rango deste evento e que por primeira vez recibía unha muller. O director do suplemento “+ Deporte” do xornal “La Región de Ourense”, Valentín Bermejo, recollía o premio á Prensa Escrita, mentres que o da radio era para José Gerardo Fernández.

O resto de premios repartíronse do seguinte xeito: Xoan Soler, premio de Fotoperiodismo; “Cancha Júnior” da TVG2, premio Audiovisual; a páxina web  www.deportedevigo.com, premio Web; Eusebio Álvarez, Emilio González e José Diz, premios á Traxectoria Profesional polas provincias de A Coruña, Lugo e Ourense respectivamente.

No acto estiveron presentes Ramón Rodriguez e Manuel Pérez, Secretario Xeral e Tesoureiro da Federación Galega de Caza respectivamente.