CAZA RAPOSO |
O equipo lucense "Ganados Blanco" revalida, en O Corgo, o título de campión galego |
23/1/2012 |
XVII Campionato Galego de Caza de Raposo O pasado 21 de xaneiro, tiña lugar o Campionato Galego de Caza de Raposo, unha das citas máis importantes do calendario das competicións da Federación Galega de Caza. Esta decimosétima edición trasladouse o concello lucense de O Corgo, concretamente aos Tecores de Lamagrande e O Corgo. Unha vez feito o sorteo dos cazadeiros e xuíces e asinados os guías, os 16 equipos clasificados nos correspondentes campionatos provinciais máis o campión da edición anterior e o campión da Copa Galicia 2011, a caravana de todoterreos e remolques espalláronse polos diferentes terreos asinados nestes dous Tecores. A xornada transcorreu sen imprevistos e tan so solventar a existencia de pequenos bancos de néboa que interromperon a práctica cinexética continua a determinadas cuadrillas. As 14:00 h comezaron a chegar os primeiros participantes e capturas, e tan so un dos equipos, á espera de recoller o seus cans, fixo a súa entrada fora do control. Un bo número de pezas capturadas e moitas máis avistadas foron o resultado desta xornada cinexética. Foi o equipo lucense Ganados Blanco o que obtivo o primeiro posto e deste xeito converténdose no campión galego cun total de 2.500 puntos. Seguiuno o equipo coruñés Raposeiros de Fiopans quen co mesmo número de puntos pero con menor fortuna no sorteo obtivo o subcampionato. Xa en terceira posición situouse o equipo pontevedrés de San Salvador de Escuadro con 1.500 puntos. |