DANOS FAUNA CINEXÉTICA
A FGC mantén de novo unha xuntanza coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza
29/11/2011

Na mañá de hoxe día 29 de novembro, a Federación Galega de Caza representada polo seu Presidente Javier Nogueira Diz e o Secretario Xeral Ramón Rodríguez Cobas mantiveron unha reunión co Director Xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón Millán, mais o Xefe de Servizo de Caza e Pesca da Consellería do Medio Rural, Jesús Marquina Olmedo e Emilo Rosa, Subdirector Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas da Consellería do Medio Rural.

A xuntanza tivo como tema principal a problemática que están a xerar, tanto nas estradas como na agricultura, as especies cinexéticas.
O representante federativo, Javier Nogueira, puxo en coñecemento da Dirección Xeral de Conservación datos estatísticos sobre a evolución dos danos producidos nas estradas pola fauna cinexética, dos que se poden extraer unha tendencia ao descenso no número de sinistros con respecto ao exercicio 2010. A pesares de ser a comunidade galega, pola súa estruturación xeográfica, unha das comunidades autónomas do noso país onde se producen un maior número deste tipo de accidentes nas estradas.

Pola súa banda, o Director Xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón Millán, así como os representantes da FGC, ven necesario a toma de medidas excepcionais para mitigar tan complexa problemática.