CAZA MENOR PONTEVEDRA
González Souto acadou en Meis o primeiro posto
14/11/2011

XXV Campionato Provincial de Pontevedra de Caza Menor con Can

O pasado sábado 12 de novembro disputouse no Tecor da Sociedade de Cazadores “Armenteira”, no concello de Meis, o Campionato Provincial de Pontevedra de Caza Menor con Can organizado pola Federación Galega de Caza en Pontevedra en colaboración con dita Sociedade de Caza.

Ata un total de 25 cazadores cos seus respectivos xuíces déronse cita, o pasado sábado, no concello de Meis, para participar nesta XXV edición do Campionato Provincial de Caza Menor. Un campionato no que a abundancia de pezas avistadas e abatidas marcou sen lugar a dúbida o desenrolo de tan importante cita do calendario cinexético da FGC.

As 9:00 h, tivo lugar o pistoletazo de saída dos cazadores que pronto se foron espallando por tódolos recunchos de dito Tecor para poder dar caza as diferentes pezas puntuables. Un Tecor no que o coello é a especie raíña e que todos os participantes eran sabedores.

Chegadas as horas centrais do día, tódolos cazadores cos seus xuíces facían a entrada en control dentro do horario previsto pola organización. Unha vez analizadas as ditas pezas entregadas no control, o Xurado de Competición deu a coñecer a clasificación final que quedou do seguinte xeito. Nada máis e nada menos que 4 coellos foron entregados por Julio González Souto que lle outorgaron o primeiro posto da clasificación e polo tanto novo Campión Provincial con 1225 puntos. En segunda posición con 3 coellos abatidos e 1050 puntos situouse Cristóbal Cacheda Chouza. O mesmo numero de pezas, 3 coellos, tamén foron aportadas por Benito Abal Costa que lle reportaron o terceiro posto.

A estes tres cazadores uniránselles José A. Vasconcellos Vicente, Gustavo Martínez Pérez e Saturnino Pereira Vidal que formaran o equipo que representará a provincia de Pontevedra no Campionato Autonómico da especialidade que se disputará o vindeiro sábado día 19 no concello coruñés de Tordoia.