DANOS CAUSADOS POR ESPECIES |
Os cazadores non son únicos responsables do problema, nin tampouco da solución |
27/10/2011 |
Sen dúbida a especie cinexética que copa máis titulares nos xornais da nosa comunidade é o xabaril. O porco bravo, que ven de experimentar un enorme crecemento poboacional nos últimos tempos debido aos cambios no hábitat, nos cultivos e na sociedade en conxunto, converteuse en involuntario protagonista e abandeirado dunha conflitividade que se puxo en especial releve nos últimos anos: os danos producidos pola caza maior en cultivos e en estradas. Este aumento exponencial de especies cinexéticas de caza maior causou un aumento correlativo do número de afeccionados a esta modalidade de caza, historicamente minoritaria nunha Galicia onde primaban os cazadores solitarios de pelo e pluma. Son cada ano máis os practicantes da caza maior, e non cabe dúbida de que os cazadores formamos parte desta circunstancia social e ambiental, máis non necesariamente os motivadores. E por iso non debemos cargar con todo o peso das consecuencias que poida acarear a terceiros. As leis vixentes están ambientadas nunha realidade caduca, que non reflicte nin comprende a evolución da sociedade rural ao longo das últimas décadas nin a realidade social da caza en Galicia, e argumenta que calquera incidente causado por especies cinexéticas ven motivado pola actuación dos cazadores e polo tanto esta responsabilidade debe pesar directamente nos aproveitadores do terreo: os Tecores; e por ende as Sociedades de Caza titulares dos mesmos. Os danos xerados polas especies cinexéticas non son consecuencia directa da caza, senón da propia existencia de ditos animais, e polo tanto son un problema de todo o conxunto da sociedade. Se desaparecesen os Tecores nos territorios máis castigados polos danos, estes non se solucionarían, polo contrario, agravaríanse ata chegar a unha situación insostible. Os cazadores son un elemento esencial para a regulación das especies, mais non poden ser os únicos responsables das súas consecuencias. Non somos os xeradores do problema, máis ben uns minimizadores do mesmo. Socialmente urxe polo tanto unha revisión lexislativa profunda e inequívoca que non sinale co dedo ao colectivo cinexético sen unha análise obxectiva previa. Neste senso, a Federación Galega de Caza a nivel autonómico e a Real Federación Española de Caza no estatal traballan día a día para promover un texto legal máis xusto e de acordo cos tempos nos que nos atopamos. A solución aos danos, como se ven demostrando, está en boa parte ligada á actividade regulada e organizada da caza, a través de actuacións estritamente planeadas mediante criterios racionais. Cada territorio e cada especie requiren dun plantexamento específico. Trátase de analizar cada caso no seu contexto e elaborar un plan de actuación personalizado. Outra medida primordial é a prevención, unha tarefa que debe levarse a cabo entre todos aqueles con intereses no medio rural: agricultores, administración e cazadores. A cooperación de todos os implicados nesta situación, en lugar de sinalarse uns a outros, será imprescindible para sanear un problema que de xeito directo ou indirecto atinxe a toda a sociedade e non inxustamente aos que disfrutamos, coidamos e regulamos de xeito sostible os nosos montes.
|