JAVIER NOGUEIRA |
"A máxima da seguridade na práctica da caza é o sentido común" |
11/10/2011 |
Nestas datas, nas que a afección cinexética acada o seu máximo apoxeo na nosa comunidade, temos que facer un chamamento á seguridade no desenrolo de tan ancestral actividade. En calquera anaco da xeografía galega xa deron comezo as tan arraigadas batidas a corzos e xabarís, modalidades de caza que na Galicia posúen un verdadeiro compoñente social. Ladras, fuxidas e primeiros lances xa fixeron que cazadores e caza compartiran a súa tradicional paixón nun escenario incomparable como son os nosos montes, cheos de beleza e sentimentos. Os cazadores da caza menor, tanto de pluma como de pelo, deberán agardar ata o vindeiro día de 16 para dar renda solta a tanto alenco cinexético acumulado nos meses de veda. Como cazador e representante de milleiros de cazadores, véxome na obriga de facer un chamamento para a práctica dunha caza con seguridade. A caza é unha actividade de baixo risco, os datos estatísticos así o o poñen de manifesto, pero os escasos accidentes que se producen soen ser alarmantes e na maioría dos casos titulares en moitos medios de comunicación. Polo tanto, para evitar isto, e coa axuda desas cualidades intrínsecas que posuímos os cazadores, tentaremos erradicar ditas fatalidades. Boa parte deses accidentes que se producen no desenrolo da caza teñen lugar na modalidade de caza maior. Un maior número de persoas e o emprego de armas e munición de maior calibre, poden ser algúns dos ingredientes que fagan que nesta vertente cinexética se produzan os sinistros mais chamativos. O manexo das armas coa máxima cautela antes, durante e despois de chegar ao posto, o uso de roupa de cores vivos, o coñecemento da situación dos compañeiros dos postos próximos, así como a inmobilidade no mesmo ou o realizar os disparos só cando se identifica por completo a peza e o lugar de impacto do proxectil, son algúns dos “mandamentos do cazador”. En nome da FGC e no meu propio, quero desexarlle a tódolos cazadores galegos a mellor das tempadas de caza que esta a piques de comezar, sendo sabedores de que o mellor trofeo é o sentido común para unha caza segura. |