DANOS XABARIL |
Comunicado da Sociedade Cinexética Muxiana |
6/9/2011 |
A Sociedade Cinexética Muxiana,co rogo de difusión, desexa informar á sociedade en xeral, e aos agricultores e gandeiros do concello de Muxía en particular, do que está acontecendo nas últimas datas cos danos ocasionados polo xabaril nas plantacións de millo en relación á nota de prensa publicada onte na prensa é ao burofax remitido por Unións Agrarias,a directiva da sociedade cinexética muxiana O citado burofax di que esta Sociedade foi requirida pola Xefatura Territorial do Servizo Conservación da Natureza da Coruña para que se tomaran medidas de caza por control de danos. Isto é falso, xa que foi a propia Sociedade a que – tan pronto tivo coñecemento de que o xabaril estaba a ocasionar danos na colleita de millo – solicitou o 17 de marzo autorización para realizar ganchos en toda a superficie do Tecor (incluído o vedado); dita solicitude tivo resposta por parte da Consellería coa concesión de dous ganchos para os días 26 de marzo e 2 de abril,os cales foron realizados. A este respecto, sinalar que o concello de Muxía non está incluído no Anexo IV da Orde do 7 de xuño de 2011 pola que se determinan as épocas hábiles de caza durante a tempada 2011/12, polo que os danos teñen que ser comprobados polo persoal do Servizo de Conservación da Natureza antes de seren autorizados os ganchos. A semana pasada solicitouse novamente autorización para realizar ganchos os días 3 e 10 de setembro,dos cales xa obra no noso poder a pertinente autorización administrativa con fecha de saída 30-08-2011 No antedito burofax Unións Agrarias acusa á Xunta Directiva da Sociedade Cinexética Muxiana de amosar un comportamento insolidario e de levar a cabo unha xestión neglixente por solicitar o período hábil para a caza do xabaril a partires do mes de outubro, sen decatarse de que a Xunta Directiva non pode solicitar o que queira senón o que acorda a maioría dos socios (coma en calquera Sociedade democrática), e sen entender tampouco que pouca importancia ten o comezo do período hábil xa que – como está demostrado – estanse dando batidas dende o mes de marzo. É máis, ao non comezar o período hábil de caza do xabaril ata o mes de outubro, tódolos exemplares abatidos nos oito meses anteriores non computan no cupo de capturas establecido no Plan Anual de Aproveitamento, polo que ao final se cazarán moitos máis xabarís minimizando os danos producidos por estes. Para rematar, Unións Agrarias empraza á Sociedade Cinexética Muxiana a realizar batidas inmediatamente obviando unha vez máis que hai unha serie de requisitos formais (solicitude, comprobación dos danos, autorización por parte da Consellería e retirada dos precintos) de obrigado cumprimento antes da organización dun gancho. En calquera caso esta Sociedade conseguiu autorización – como dicíamos antes – para realizar ganchos os días 3 e 10 de setembro, e para poder abater ata oito exemplares (catro cada día). Tamén nos anuncian que porán a disposición dos agricultores e gandeiros afectados os servizos técnicos e xurídicos de Unións Agrarias para avaliar economicamente os danos e reclamarllos ao Tecor en vía xudicial. Ante isto a Sociedade Cinexética Muxiana, que está formada polos cazadores do concello de Muxía, e dos que unha gran maioría son agricultores e/ou gandeiros, pregúntase quén é máis insolidario e quén ten tanto interese en mesturar a caza coa política. Saúdos cordiais da xunta directiva. |