CAZA MAIOR
Créase unha nova asociación de cuadrillas de caza maior
5/7/2011

A localidade ourensá de Cea acolleu a asemblea constitutiva desta nova asociación

O pasado sábado, día 2 de xullo, arredor de trinta membros de cuadrillas de caza maior chegados de todos puntos de Galicia celebraban unha xuntanza na que tratarían os temas e problemas aos que se enfrontan os afeccionados a esta modalidade cinexética.

Entre outras cuestións, os asistentes quixeron poñer en relevancia o valor e a importancia da caza maior na nosa comunidade, tanto como instrumento regulador dos danos e as especies como actividade lúdica e dinamizadora da economía. A orde de vedas, a redacción dunha nova lei de caza e sobre todo, a situación dos danos producidos pola fauna, foron os temas que en máis profundidade se trataron.

Desta asemblea surxe unha asociación que a bo seguro tratará de axudar e colaborar coa Federación Galega de Caza para mellorar a situación da caza maior en Galicia, e achegarlle as propostas e inquedanzas de cuadrillas e monteiros de toda a comunidade.