Revista de Prensa


O presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, cualifica a accidentalidade por causa de fauna cinexética de grave problema para os tecores. Por iso, di, precísase unha solución. Conxunta.
Patricia Blanco · 10/11/2011

-¿Como se podería mitigar este problema?

-O primeiro sería fomentar un aproveitamento racional dos recursos: por exemplo, plans para cazar xabaril de forma suficiente. Logo, tomar medidas de choque nas estradas: barreiras de olor, cultivos alternativos; pasos de fauna específicos... Fomentar as medidas necesarias e manter as poboacións de animais a un nivel adecuado. Insistimos moito en que este é un problema con repercusión en toda a sociedade galega, que non podemos ceñir aos cazadores, xa que nós, en todo caso, somos un axente de control ou, por así dicilo, un desacelerador do problema. Como dato, podo dicir que cazamos uns 15.000 xabarís ao ano en Galicia. Hai que procurar unha solución na que poñan da súa parte todos os sectores implicados: o Goberno central, o autonómico, os cazadores e os gandeiros e agricultores.

-¿Sobrecárgase de responsabilidade aos tecores, entón?

-Este é un problema que vén de moitos factores, incluso do abandono do rural. Hai un incremento das pezas de caza maior. No caso dos xabarís, cada vez hai máis, e en máis sitios. Antes nas autoestradas non se producían tantos sinistros, e agora estamos vendo como aumentan. Por tanto, hai que regular ese nivel de poboación e para iso, atreveríame a dicir, os cazadores somos un factor imprescindible. Cando hai accidentes, adóitase cargar contra os tecores e estes non poden aguantar o actual nivel de risco, e o gasto que lle supón afrontar: cantos máis xabarís, máis movemento... É inxusto que nos consideren parte do problema. Somos parte da solución.

-¿Fíxose algún avance na procura desas solucións conxuntas?

-A nivel nacional téñense feito mesas sectoriais e valórase levar ao Parlamento unha proposta de reforma da lei correspondente, a que actualmente recolle somos os responsables en caso de neglixencia de xestión ou no caso do dano derivado dunha acción directa de caza. Iso de «neglixencia de xestión» é moi amplo e habería que definilo mellor.

-¿Que debe facer unha persoa cando sofre un dano causado por fauna cinexética?

-No caso de danos en cultivos, non hai moito a onde correr, pero no caso de danos en circulación, primeiro ha de dar parte. Logo a cousa pode evolucionar de diferente maneira: ou ben a responsabilidade civil lle corresponde aos tecores, que hoxe xa teñen un seguro por este motivo; á Administración; ou incluso ao condutor, por neglixencia. Os seguros de automóbiles deberían ter un apartado específico para estes atropelos e, de feito, hai compañías que xa o teñen.