VIII XORNADA XESTIÓN |
Máis de 200 persoas déronse cita en Portas |
8/6/2011 |
O pasado sábado día 4, e como ven sendo costume cada primeiro fin de semana deste mes de xuño, Portas converteuse no centro da xestión cinexética de Galicia ao celebrar a VIII edición da Xornada de Xestión Cinexética. Comezábase a xornada coa poñencia de José Antonio Pérez Garrido, Doutor en Veterinaria pola Universidade de León, quen expuxo aos asistentes os datos e a información científica acadada tras máis de 15 anos de investigación con poboacións de perdiz roxa. Trala exposición de José Antonio, púidose resumir que o criar perdices que dean bos resultados no monte é posible. Na segunda poñencia, José Luis Garrido Martín, Director de Fedenca, abordou un tema de certa controversia social como é o da “Necesidade do control de Predadores”. José Luis sintetizou todos aqueles aspectos, métodos, perfil do especialista, cuestións a lexislar, etc., que deben ir asociados á posta en marcha, nun futuro próximo, desta ferramenta de xestión. Tralo café, tomou a palabra Miguel Ángel Romero Ruiz, afamado articulista, informático e cazador, quen como home de campo que é, expuxo aos asistentes diversos aspectos e diferentes versións para afrontar o tan de moda tema dos danos provocados polas especies salvaxes. Posteriormente, unha mesa de debate baixo o título “De onde vimos e cara onde vamos na recuperación das poboacións de caza menor” permitiu aos asistentes intercambiar experiencias e aclarar dubidas cos poñentes. Trala clausura da Xornada tivo lugar un almorzo, no cal, por suposto, seguiuse falando de caza e xestión. |