IV GALA DEPORTE ORDES |
O cazador José Antonio Brea recibe un recoñecemento especial do Concello de Trazo |
14/4/2011 |
A Federación Galega de Caza estivo presente no acto apoiando coma sempre aos seus deportistas Máis de catrocentos asistentes dábanse cita na Discoteca LP45 para presenciar a IV Gala do Deporte da Comarca de Ordes, que cada ano recoñece aos deportistas máis destacados desta comarca coruñesa, que comprende os concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo. Neste evento entregábanse un total de 35 distincións aos deportistas e entidades deportivas máis destacadas do 2010 nesta comarca, entre os que se atopaba o cazador de Trazo José Antonio Brea Domínguez, que recibía un Recoñecemento Especial por parte do Concello de Trazo pola sua traxectoria no deporte da caza, que comezaba aos 18 anos e segue hoxe en día coa sua participación en competicións de raposo e a presidencia da Sociedade de Caza de Benmorre. A Federación Galega de Caza estivo presente no acto para apoiar ao seu deportista galardoado e entregarlle persoalmente o premio, tarefa que levou a cabo o seu Secretario Xeral, Ramón Rodríguez Cobas. Con este súmase un novo recoñecemento aos deportistas cinexéticos que ano a ano conseguen maior relevancia e protagonismo dentro do mundo do deporte en Galicia. |