GRAN GALA DA CAZA RFEC |
Os galegos Gómez Cortón e Macías Estevez, galardoados pola RFEC |
30/3/2011 |
O ex-Presidente da Federación Galega de Caza, José María Gómez Cortón e o xornalista galego Luís Macías Estevez, recibirán sendos recoñecementos pola sua traxectoria nos seus respectivos campos. O vindeiro 21 de maio a Real Federación Española de Caza celebrará, como cada ano, o seu evento federativo máis relevante: a Gran Gala de la Caza, que este ano acollerá a sede do Círculo de Bellas Artes, en Madrid. Neste acto a RFEC fai anualmente entrega de diversos premios e recoñecementos a aquelas persoas e institucións que levaron a cabo unha labor importante a favor da caza, ben pola sua relación directa coa mesma ou ben por relacionarse con ela de calquera outro xeito, sempre axudando a que a actividade cinexética continúe o seu avance e mellora. Cun xurado composto polo Presidente da RFEC, Andrés Gutiérrez, os presidentes autonómicos da Comunidade Valenciana, Juan Quiles; de Andalucía, José María Mancheño e de Cataluña, Francisco Piera, xunto con outros especialistas do mundo xurídico e periodístico relacionado coa caza, e mais o Secretario Xeral da RFEC, Santiago Ballesteros tiveron a ben premiar a dous galegos. Por una banda, e a proposta da Federación Galega de Caza, o seu ex-Presidente José María Gómez Cortón recibirá a Insignia de Ouro da RFEC, en recoñecemento á sua traxectoria adicada á caza e aos cazadores galegos ao fronte da FGC, na que ocupou dende o ano 1996 diversos cargos ata abandonar a Presidencia o pasado mes de xaneiro. Referente no mundo da caza tanto a nivel autonómico como estatal, ocupou diversos cargos en institucións relacionadas coa actividade cinexética e deportiva, tanto na RFEC como en MutuaSport, ou na UFEDEGA (Unión de Federacións Deportivas Galegas). Por outra banda, o xornalista galego Luís Macías Estevez recollerá o premio á mellor labor periodística especializada en caza, pola sua ampla traxectoria profesional, especialmente en Galicia, con presenza en diversas publicacións especializadas en radio e televisión, e a realización de múltiples artigos e entrevistas. Macías é ademais promotor de Periodipesca, congreso de xornalistas especializados en caza, pesca e natureza e que cada ano se celebra en diversas localidades galegas con grande éxito e que celebra este ano a sua décimo novena edición. A máxima institución cinexética nacional recoñece así o traballo destes dous cazadores galegos, poñendo en relevancia a súa dedicación e esforzo en prol do mundo da caza nas suas respectivas vertentes. |