ELECCIÓNS FGC
O pontevedrés Javier Nogueira proclamado novo Presidente
21/1/2011

Gómez Cortón, deixa a Federación tras 15 anos de adicación. Nogueira, da localidade pontevedresa de Moscoso, ocupaba ata agora o cargo de Presidente Provincial de Pontevedra, directivo da Real Federación Española de Caza e forma parte parte da comisión de control interno de Mutuasport.

A asemblea xeral da Federación Galega de Caza, en cumprimento da orde electoral da Consellería de Presidencia, convocaba no pasado mes de setembro o proceso electoral que culminaba onte coa proclamación, por parte da Xunta Electoral, do pontevedrés Javier Nogueira Diz como novo Presidente da institución cinexética, ao sela única candidatura presentada.

A Xunta Electoral proclamaba tamén á Comisión Delegada, órgano colexiado de asistencia á asemblea,   e desconvocaba a asemblea de votacións prevista para o día 28 de xaneiro, ao non supera-las candidaturas presentadas o número de postos a elixir.

Nogueira, de 45 anos, conta no seu haber cunha ampla experiencia na dirección federativa, con máis de 16 anos de adicación en diferentes postos na Federación Provincial, na Federación Galega, na Real Federación Española e na mutua aseguradora dos cazadores Mutuasport. Desde a próxima semana ocupará a vacante que deixa o lucense, de Castroverde, José María Gómez Cortón, quen,  igual que o seu sucesor, deixa tras de sí unha amplia traxectoria nas diferentes institucións federativas.

Gómez Cortón cederá o bastón de mando a Nogueira, o vindeiro mércores, nun acto de traspaso de poderes que se realizará na sede federativa en Santiago de Compostela.