ÚLTIMOS DIAS PARA SOLICITAR
Medio Rural publica as axudas para a recuperación da caza menor e para paliar os danos do lobo
17/12/2010

Orde do 13 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a conservación das poboacións de caza menor, e se convocan para o ano 2011

A perdiz rubia e o coello de monte son as especies cinexéticas tradicionais en Galicia. O progresivo descenso da actividade agrícola no medio rural supuxo o abandono de amplas zonas de cultivo, provocou a expansión do mato, a desaparición dos lindeiros vexetais e, como consecuencia, a perda da calidade do medio vital para estas especies contribuíndo así á regresión das poboacións. A isto hai que engadir o azoute da enfermidade hemorráxica vírica e da mixomatose, que provocou a merma dramática das poboación de coello.

Partindo da necesidade de que o colectivo de cazadores se implique na conservación e na xestión dos recursos cinexéticos, e da obriga dos poderes públicos de garantir a compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais, considérase necesario manter o programa de axudas que, desde hai anos, incentiva actuacións racionais no medio natural, para propiciar a recuperación das poboacións de perdiz rubia e coello de monte autóctono.

Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas aplicable aos terreos cinexéticos para:

  • Modalidade A: recuperación das poboacións de perdiz rubia (Alectoris rufa) a través da mellora da calidade do seu hábitat.
  • Modalidade B: conservación e recuperación do coello de monte (Oryctolagus cuniculus), mediante a construción das instalacións necesarias para a súa cría en semiliberdade e a súa reintrodución no medio natural.

Ver documento

 

Orde do 14 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo, e se convocan para o ano 2011

O lobo mantén unha poboación abundante na xeografía galega. A súa presenza nos nosos montes non só é un expoñente da nosa rica biodiversidade senón, ademais, un elemento destacado no equilibrio biolóxico do medio en que se desenvolve. As súas necesidades alimenticias entran ás veces en conflito cos intereses dos nosos gandeiros, que sofren a depredación que ocasionalmente realiza sobre o gando. É por iso polo que a Consellería do Medio Rural, para conciliar o interese pola pervivencia da especie co dos gandeiros, pon en marcha unha liña de axudas, de carácter compensatorio, para reparar os danos ocasionados sobre o gando vacún, ovino, cabrún, equino e porcino de Galicia.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor dos gandeiros afectados polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensalos polos danos ocasionados no seu gando, e proceder á súa convocatoria para o ano 2011.

Ver documento