DANOS XABARIL |
Medio Rural aumentou o orzamento das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril en cultivos agrÃcolas |
23/8/2010 |
Como fai tódolos anos, a Consellería do Medio Rural publicou o 19 de abril no Diario Oficial de Galicia a orde reguladora das axudas para compensación a favor dos afectados polos danos causados por xabaril nos seus cultivos agrícolas. Os beneficiarios poden ser todos aqueles agricultores profesionais, entendendo como aquela persoa física titular dunha explotación agraria, gandeira ou forestal, e as sociedades agrarias de transformación (SAT), así como cooperativas de explotación comunitarias de terras. Canto ao importe das axudas, calcúlase segundo a valoración dos cultivos danados, establecendo como importe máximo, por ano e beneficiario, a contía de 1.500 euros. Estas axudas son incompatibles coas que se soliciten polos mesmos feitos en parques naturais dependentes da Administración autonómica; así como coas cantidades percibidas en concepto de indemnización polos mesmos danos derivados dun expediente de responsabilidade patrimonial. As axudas comprenden os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas dende o 1 de outubro de 2009 ata o 30 de setembro de 2010. O prazo para formalizar as solicitudes remata o 15 de outubro de 2010, polo que aqueles titulares de explotacións que as vexan damnificadas aínda entran en prazo para a correspondente solicitude. Os titulares destes cultivos deberán comunicar os incidentes á Consellería do Medio Rural nun prazo máximo de sete días dende a produción do dano. Os afectados poderán facelo a través do teléfono do 012 ou mediante o servizo de denuncia por Internet en https://www.xunta.es:444/caza/. Asemade, Medio Rural quere puntualizar que a Administración non é directamente responsable de pagar os danos provocados por estes animais, agás nos terreos da súa propiedade –nos que existan figuras de protección que non permiten a caza– ou nos terreos de aproveitamento cinexético común. Orzamentos Fonte: Consellería do Medio Rural |