SORPRESA NA FGC
Ante as declaracións do Presidente da Xunta de Galicia aparecidas onte nos medios de comunicación, a Federación Galega de Caza ven de solicitarlle aclaracións sobre as súas manifestacións
30/7/2010

A raíz das declaracións do Presidente da Xunta de Galicia, sobre os touros e caza, aparecidas onte nos medios de comunicación, a Federación Galega de Caza a primeira hora da mañá -de onte xoves- a través dun escrito do seu máximo responsable dirixido a Núñez Feijoo, pedía aclaracións ao respecto. Ao longo da mañá o Presidente da FGC, Gómez Cortón, recibia a convocatoria para unha reunión co Conselleiro do Medio Rural para aclara-lo tema e abordar outros pendentes. 

A caza e os touros son dúas tradicións respectables, forman parte do patrimonio cultural, e como tales son dignas de manterse en aras da liberdade e da diversidade, ainda que entre eles non exista ningunha semellanza.

No caso particular da caza, que nos afecta directamente, non só é unha tradición ancestral senón que forma parte da propia evolución do home que co paso do tempo pasou de ser unha actividade primaria a unha afición e actividade deportiva, e, finalmente, a un deporte recoñecido legalmente.

Desde o punto de vista ambiental, a caza está recoñecida pola UE como unha actividade necesaria para o mantemento dos espazos naturais, clave para fixa-la poboación no medio rural, asemade cumpre unha función reguladora das especies, mesmo sendo imprescindible para a mante-la agricultura e a gandeiria tal e como a coñecemos na actualidade.  A modo de exemplo dicir que, se non se cazasen xabaris perante tres anos en Galicia moitos dos cultivos agrícolas serían inviables.

O cazador galego pertence a un estrato social absolutamente vinculado co rural galego, máis do 70% dos cazadores viven e desenvolven as súas actividades no medio rural, e, máis doutro 20%, ten casa e terras que visita habitualmente segundo se desprende do “Estudio socioeconómico da caza e perfil do cazador galego” elaborado polo Observatorio Galego da Caza dependente da FGC.

O amplo colectivo de cazadores galegos, arredor de 60000, leva anos amosando a súa responsabilidade e compromiso coa conservación -co aproveitamento responsable dos espazos e das especies- e fomentando a convivencia entre todos aqueles que desenvolven as súas actividades no medio rural desde o exquisito respecto ás normas reguladoras da actividade.