Revista de Prensa


Máis de 200 persoas de todas as idades reuníronse na Festa do Porco Bravo, unha cita xa consolidada no calendario festivo do Incio que se celebra por cuarto ano consecutivo na capitalidade municipal
· 15/5/2011

O evento está organizado pola asociación cultural, deportiva, ambiental e da terceira idade A Ouriceira e a sociedade de cazadores do Incio. A partir das dúas da tarde os comensais gozaron, previa retirada dos cartóns, de petiscos de empanada e carne de xabaril. Na festa degustáronse uns 200 quilogramos desta comida procedentes de seis exemplares cazados nos montes do concello polas tres cuadrillas existentes.

A festa tivo lugar baixo unha carpa instalada nas inmediacións do consistorio, aínda que anteriormente viña celebrando no pavillón do colexio Ricardo Gasset. Unha vez finalizada a comida houbo diversas actividades para os máis pequenos organizadas pola asociación A Ouriceira e animación musical.

Os organizadores pretenden converter esta festa de exaltación gastronómica do xabaril nunha das de maior renome da provincia. A celebración naceu hai catro anos debido á importante tradición de caza maior. Ademais, os dous colectivos quixeron agradecer a colaboración desinteresada de membros das dúas agrupacións e dos veciños do Incio, municipio que foi bautizado polo escritor lucense Ánxel Fole como «a terra brava».