CAZA RAPOSO
A caza do raposo en Galicia, víctima das mentiras
28/1/2010

Esta práctica na comunidade responde a criterios de caza social e tradicional, científicos e biolóxicos que se fundamentan na necesaria regulación das especies

Ante as informacións divulgadas por algunas organizacións e agrupacións ecoloxistas sobre a práctica da caza do raposo en Galicia, a Federación Galega de Caza afirma que “os seus argumentos faltan á verdade de forma deliberada e malintencionada”.

Fronte á acusación de exercer esta práctica fora de tempada é importante saber que a orde de vedas abarca todo o ano e non só a “tempada xeral” de caza menor que acaba, polo xeral, o día 6 de xaneiro. A caza de cada especie atende a criterios científicos e biolóxicos e a do raposo, en particular, está regulada especificamente na citada orde anual, no Título V, que sitúa no 7 de febreiro o fin da tempada hábil para esta práctica.

A caza do raposo é un exemplo máis do exercicio de caza social en Galicia, con tradición ancestral na comunidade e que en pleno século XXI se fundamenta na regulación das súas poboacións a través dos correspondentes Plans de Ordenación e Aproveitamento Cinexético que establecen os parámetros de captura para as diferentes especies. Ó mesmo tempo, esta práctica serve para fomentar os valores propios da caza e dar a coñecer os distintos recunchos da nosa comunidade, achegando unha considerable aportación socieconómica ás zonas rurais.

As cacerías enmarcadas dentro desta práctica “denunciada” polos ecoloxistas cumpren toda a normativa vixente para a caza en xeral e as estrictas normas da competición. Normas que en boa parte limitan máis a práctica cinexética, reducindo o número de cazadores por cuadrilla (grupos de 10 cazadores e non 30 como poderían ser nunha cacería habitual), reducindo o número de cans a empregar, non permitindo os desprazamentos en coche na zona de caza e incorporando as figuras do guía e do xuíz, este último encargado de velar polo cumprimento da normativa.

En España, a caza do raposo está permitida en toda a península, excepto en Baleares e Canarias onde non existen exemplares desta especie. Galicia, Cantabria e Asturias son as únicas comunidades do estado nas que só se caza con armas de fogo, pois nas restantes autonomías empréganse tamén as gaiolas trampa, os lazos con freo e sen freo, os cans de madrigueira e os cepos. Polo tanto, críticas como as de “desfeita ambiental”, “grave desequilibrio das colonias de raposo”, “o único lugar do mundo onde se caza o raposo” e outras moitas mentiras similares non son aceptables.

A manipulación intencionada dos datos por parte daqueles interesados en devaluar esta práctica queda de manifesto ante os informes publicados no estudo científico sobre esta especie titulado O raposo en Galicia e elaborado o pasado ano pola Facultade de Veterinaria da USC. Dito estudo pon de manifesto a boa saúde desta especie, que para nada se está vendo afectada pola actual presión cinexética, avalado polos datos científicos deste traballo. O estudo reflicte, entre outras moitas cousas, que a súa densidade actual é a maior de España e está 3 veces por enriba das poboacións estimadas como óptimas de raposos polos organismos internacionais que velan pola fauna silvestre. Ó mesmo tempo, a súa estructura poboacional de xoves, adultos e xerontes amosa que o seu aproveitamento cinexético é o axeitado.

Dende a Federación Galega de Caza quérese aclarar que estes campionatos celebrados en diferentes lugares da xeografía galega non reciben subvención alguna “da Consellería de Medio Rural por un importe de 170.000 euros” como se afirmou por parte do colectivo “Matar por matar non”. Si é certo que a caza, como actividade social, recibe aportacións das administracións, en ningún caso dese importe, destinadas á realización de estudos sobre as especies, a accións de formación, información ou concienciación social do colectivo de cazadores en temas de vital importancia como pode ser a seguridade, pero estes fondos non se destinan á organización de ningún campionato.

Así mesmo, é necesario precisar que na Copa de España de caza de raposo que se celebrará o próximo día 30 de xaneiro en montes da provincia de Lugo, a testimonial participación de cazadores procedentes de fora de Galicia é unha cuestión puntual, ó contrario do que afirma o colectivo anteriormente citado. A denominación de Copa de España é un recoñecemento da Real Federación Española de Caza a unha modalidade de caza propia de Galicia, debido a que esta actividade ten un forte arraigo na nosa comunidade con fins sociais e como unha medida que permite, en colaboración coa administración, a regulación de poboacións de raposos sen coste algún para as administracións e respetuosa coa especie (é a modalidade máis selectiva) e co medio ambiente, ó contrario do que sucede noutras comunidades onde a superpoboación de raposos obriga ás administracións a botar man doutras técnicas para capturar ós exemplares que logo son sacrificados. Por este motivo, a maior parte dos cazadores que participan nesta cacería son galegos, aínda que ben é certo que de maneira puntual poden participar cuadrillas das comunidades veciñas como Asturias, Cantabria ou León, onde a caza do raposo é unha práctica moi similar á realizada en Galicia.

A Federación Galega de Caza, en tanto que representante dun colectivo social de moitos miles de persoas, non pode aceptar o tono tabernario e ofensivo á honorabilidade das persoas e ó bo nome da institución que se está a utilizar por parte de portavoces autorizados de organizacións como Matar por Matar Non, nos seus órganos de comunicación; como tampouco adminitirá nun futuro que se siga a conculcar o dereito dos cazadores ó exercio da súa actividade exercida no marco da legalidade vixente. Así, a Federación Galega de Caza, unha vez estudiado polos seus servizos xurídicos, someterá ós seus órganos de goberno o inicio de accións legais se fose o caso.