Revista de Prensa


O xulgado número 2 de Monforte decretou o sobresemento provisional e arquivo da causa aberta contra o anterior grupo Ribeira Sacra, xestor dos fondos Leader, e contra a sociedade de caza Val de Lemos por prevaricación, malversación de caudais públicos, falsidade documental e tráfico de influencias. Consideran que non hai indicios suficientes de comisión das mencionadas infraccións.
· 27/2/2011

A orixe do caso está nunha denuncia efectuada en 2005 por un veciño de Monforte Jesús Pereira, líder de Independentes de Lemos, na que se acusaba á sociedade de caza Val de Lemos e ao grupo Ribeira Sacra de non investir unha subvención de 50.000 euros para facer melloras nos cotos de Sober e Pantón procedente dos fondos europeos Leader II.

Pereira argumentaba que, a pesar de recibirse o diñeiro para un proxecto de sementado de cereais en varias áreas do coto para a recuperación de perdices, a iniciativa non progresara. Implicábase na causa tanto aos directivos da sociedade Val de Lemos, promotores da medida, como ao grupo xestor dos fondos Leader que naquel momento tiña á fronte ao ex alcalde de Pantón, José Manuel Ledo López.

Nun primeiro momento a causa deuse por pechada en 2008, cando a Fiscalía Anticorrupción anunciou o arquivo das dilixencias co argumento de que non atopara indicios de ningunha infracción penal. Con todo, o xulgado de Monforte retomou as dilixencias en xuño do pasado ano tras unha querela presentada pola Fiscalía de Lugo. Naquel momento tiveron que declarar Manuel Casares, presidente do colectivo de caza, e o ex presidente do mesmo grupo, Manuel Rodríguez Meira.

Ademais, as investigacións estendéronse ao grupo Leader Ribeira Sacra e a varios empresarios e operarios da zona, que supostamente asinaran facturas para xustificar a realización dos traballos.

O caso tamén requiriu o traballo da Garda Civil, que procedeu a revisar os terreos nos que se fixeron as plantacións.

Resolución

No seu escrito o xulgado monfortino apunta que a pesar de haberse practicado «múltiples dilixencias orientadas á comprobación dos posibles ilícitos, o certo é que a reducida base indiciaria inicial non foi en absoluto confirmada polo resultado das dilixencias». Así, o xulgado aclara que aínda que aparentemente puido darse unha ausencia de realización nos traballos subvencionados, a explicación está en que nun principio o proxecto integraba varios cotos de Monforte, Sober e Pantón, pero varias discrepancias entre os promotores que prevían asociarse lastraron a iniciativa e que os traballos tiveron que reducirse aos cotos de Tuiriz, en Pantón, e Monforte.

O xulgado tamén resolve que non se detectaron irregularidades na tramitación do proxecto e que tanto desde o grupo de acción local Ribeira Sacra como desde a Xunta efectuouse a correspondentes supervisión e inspección. Segundo a resolución, incluso se constatou a subsistencia dalgunhas das instalacións relacionadas co proxecto subvencionado.

Por todo iso, o xulgado decidiu decretar o sobresemento provisional e arquivo das dilixencias previas abertas dada a ausencia de indicios das infraccións.

Contra o auto cabe a interposición de recurso

Contra o auto do xulgado número dous de Monforte cabe interpor, nas propias instalacións xudiciais da cidade do Cabe, un recurso de reforma e subsidiario de apelación en tres días ou de apelación en cinco días.

Jesús Pereira

O caso desatouse tras unha denuncia presentada por Jesús Pereira, que se atopa na prisión de Monterroso desde finais do ano 2010 para cumprir unha pena de 20 meses de privación de liberdade como autor dun delito de estafa relacionado con cartóns de telefonía móbil ditada tempo atrás.