OS RAPOSOS NON só axexan Lugo, senón que se pasean por varias zonas da capital. Tres barrios da cidade -Albeiros, Acea de Olga e As Gándaras- foron visitados, ultimamente, por este astuto animal, segundo puideron comprobar, entre sorprendidos e algo atemorizados, moitos lucenses. En Albeiros, víronse raposos en torno ao centro comercial As Termas. En Acea de Olga, nas inmediacións do solar onde se construirá o novo auditorio, en Magoi, e, finalmente, nas Gándaras, á beira do campo de fútbol.
«Aquí ninguén botou de menos, polo momento, ningunha galiña. Entre outras cousas, porque tamén xa quedan poucas casas que teñan galiñeiros», afirma Jaime Gueimonde, o presidente de Gatos Roxos, a asociación de veciños das Gándaras.
Con todo, aos raposos xa non lles fan falta galiñas para abrir boca, co lixo que atopan tirado nos arredores confórmanse. De feito, os raposos que visitan Lugo non teñen nada de especial por cambiar o monte polo asfalto. Os seus colegas de Londres tamén o fan.
«A maior densidade de raposos en Europa dáse, precisamente, na zona periférica de Londres, en zonas urbanas. Isto débese a que este animal se adapta moi ben a calquera medio que lle ofreza alimento e tranquilidade», conta Luís Fidalgo Álvarez, profesor do departamento de Ciencias Clínicas da facultade de Veterinaria e coautor, xunto a outros docentes, dun estudo exhaustivo sobre o raposo en Galicia.
Luís Fidalgo non se sorprende, polo tanto, da presenza destes animais na capital lucense, é máis, el mesmo recoñeceu velos por Acea de Olga. «Non te vas a atopar un raposo na rúa da Raíña, por suposto, pero si que os hai cara ao río, nos campos, ou nas zonas periféricas como, por exemplo, en Acea de Olga», di o profesor.
A razón do achegamento deste animal salvaxe á contorna urbana pode estar non só na comida fácil senón tamén no despoboamento do medio rural. Algo que, por outra banda, garda relación co anterior. «Ao longo dos últimos anos, está a detectarse que hai unha maior presenza de raposos en zonas urbanas porque hai moita poboación diseminada e estanse dando cotas de maior densidade de poboación de raposo en zonas urbanas que en monte aberto», afirma Luís Fidalgo.
O estudo realizado por este equipo da facultade de Veterinaria detectou unha densidade de 2,6 raposos por quilómetro cadrado en Galicia, que en zonas periurbanas elévase a 3,88 e en lugares puntuais, a 5,36. Os censos son maiores nas inmediacións de granxas, matadoiros e vertedoiros. «Galicia ten o maior censo de raposos da península Ibérica», explica Luís Fidalgo. E, dentro de Galicia, a provincia de Lugo é a que ten unha maior superficie forestal polo que tamén é probable que abunde máis este animal.
«O raposo é un animal astuto e non é fácil de ver. En todo caso, non hai nada que nos poida facer pensar que a poboación do raposo deste ano estea sufrindo variacións sobre a de anos anteriores. Nesta época, o animal está comezando o celo, así que é case imposible poder atopar camadas, sería un caso anormal», afirman na Dirección Xeral da Natureza.
Caza
No monte, o exceso de exemplares pode resultar prexudicial para o resto da caza, segundo Luís Fidalgo, «posto que se converten en pedradores doutras especies e o seu exceso de censo condiciona a poboación doutros animais».
A clave está no equilibrio. Se a poboación de raposo se desmadra, periga a da perdiz vermella, o faisán, o coello, o corzo de pouca idade e a da lebre. Por este motivo, os cazadores organizan campionatos, algo que motiva protestas de grupos ecoloxistas como Adega, que puxo en marcha a campaña ‘Matar por matar, non'.
O meteorólogo Xulio Fernández é un dos activistas que protestan contra a matanza de raposos nos campionatos. «Non estamos en contra da caza, estamos en contra dos campionatos a ver quen mata máis raposos. Porque non se tratase só dos que matan, senón dous que quedan feridos ou rebentados. Por iso, que veñan mil cazadores de toda España a matar raposos a Galicia parécenos mal», explica.
Ata o 10 de febreiro está permitida a caza do raposo en campionatos. En cada un deles, dáse morte a unha media de 100 a 150 animais. En total, son cazados ao ano ao redor de 500 exemplares. «Por riba, o que fan despois e tiralos ó lixo. É matar por matar», di Xulio Fernández.
A caza excesiva non só repercute na poboación do raposo senón que tamén crea, segundo este ecoloxista, inestabilidade no monte. «Con tanto raposo morto, esténdense a tiña e a sarna. Ademais, crea tamén inestabilidade nos grupos porque, ó ver animais que morren, outros cambian de grupo», afirma Xulio Fernández.
En Lugo, xa se celebrou o campionato provincial de caza do raposo. Tamén tiveron lugar xa os campionatos de caza de ámbito galego e nacional, neste último producíronse incidentes entre os cazadores, os ecoloxistas e xornalistas. |