Revista de Prensa


Reelixido recentemente, no seu equipo directivo ten a varios bergantiñáns
S.G. · 18/10/2009

Manuel Saa Casariego, natural de Foz (Lugo) e afincado en Ortigueira é o presidente da Federación Provincial de Caza, que ten a súa sé en Carballo (na parte superior da rúa Gan Vía). Funcionario, 57 anos, chegou ao cargo en maio do 2005, sustituíndo ao ceense Manuel Blanco Grille, que dimitira. Nas eleccións, celebradas como todas en Carballo, impúxose a un coristanqués, pero no seu equipo levaba a varios compañeiros de Bergantiños, e aínda figuran. Desta volta, a única candidatura presentada foi a súa.

-A Federación ten a súa sé en Carballo. ¿Iso amosa a importancia desta zona?

-Sen dúbida. Cando cheguei xa estaba, e nunca se me pasou pola cabeza a posibilidades de cambiala, xa levaba aí unos 30 anos, polo menos. Ao contrario, recentemente inauguramos a nova sé. É un local bo, que por fin ás situacións que viviamos antes, de ter que acudir a un restaurante para facer as xuntanzas ou pechar certos temas tomando un viño no bar. Nós temos 8.000 afiliados, somos unha entidade importante e facíanos falta iso.

-¿Cando empezou vostede a cazar?

-Aos 20 anos. Busquei unha moza que tiña o pai cazador. Empecei a moverme naquel ambiente, cos compañeiros, gustoume. Empecei en Ortigueira e alí sigo. Sempre no meu tecor de Ortegal.

-¿É vostede de caza maior ou menor?

-Maior. Son sobre todo de corzo e de xabaril. Na miña zona, a contrario que na Costa da Morte, temos moito corzo. Hai un estudo da Federación que indica que a metade dos accidentes de tráfico no que hai corzos afectados ocorreron na nosa área. Este ano levamos abatidos uns 120 machos e 35 femias. Caza menor a penas practico. É o meu sogro o que me lembra os vellos tempos da caza de pluma. Pero hoxe temos outras leiras, outros montes, moito eucalipto, e non hai as especies que había.? -Tamén hai especies novas, como o faisán.

-Si, nuns lugares abunda e noutros non hai nada, hai moita variedade. Aos faisáns gústalle moito ir cerca das casas.

-¿Os cazadores son ecoloxistas?

-A maior partes dos cazadores, diría que o 90%, somos ecoloxistas. Se matamos todo o que temos, nada nos queda. Así que temos que conservar, facer unha política de conservación, de mantemento. Iso é o que se fai. Os tecores levan adiante un gran labor de repoboación e recuperación, prantado incluso millo, trigo... O cazador cambiou moito. Xa sei que hai excepcións, pero agora é sobre todo conservacionista.