FOMENTO E PROMOCIÓN DA CAZA |
A formación e fomento da caza foron puntos de encontro entre a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a FGC |
07/11/2023 |
O pasado 3 de novembro, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a Federación Galega de Caza reafirmaron o seu compromiso para seguir colaborando, o vindeiro ano, na realización e impulso de actividades formativas dirixidas ao colectivo dos cazadores así como noutras medidas que fomenten novas incorporaciónse e axudas ao sector. Na reunión mantida entre a Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e a FGC, a cal estivo representada polo seu Presidente, Luís Eusebio Fidalgo, polo Vicepresidente, Ramón Rodríguez e o Secretario Xeral, José Moure, abordáronse diferentes asuntos de interese cinexético. Ambas partes coincidiron na necesidade de seguir colaborando na formación continua de cazadores e responsables das sociedades de caza a través da organización de cursos, charlas e campañas de divulgación ao redor de temáticas de interese para o sector. Destacando os máis de 300 federados que participaron nesta edición 2023 dos Cursos de Formación. A Federación recoñeceu a súa preocupación pola remuda xeracional e incidiu na necesidade de abrir a actividade a novos colectivos. O ente federativo, de xeito argumentado, solicitou axudas para cazadores como a gratuidade da licenza de caza para todos os rangos de idade, a exención do pagamento das taxas das sociedades de caza e axudas económicas para realizar traballos de melloras de hábitats por parte dos Tecores e sociedades de caza. Por último, a directora xeral e os membros da directiva da FGC intercambiaron impresións sobre as primeiras semanas de vixencia da emerxencia cinexética polo xabaril, que entrou en vigor o pasado 16 de setembro en 37 comarcas co fin de axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura. Neste sentido, Belén do Campo agradeceu a colaboración dos cazadores na aplicación das medidas previstas no marco desta declaración temporal e ambas partes confiaron en que dea os resultados agardados. |