AUTONÓMICO DE COELLO |
Juan Formoso e os seus beagles revalidan o título autonómico en Ribeira |
02/10/2022 |
XXXI Campionato Galego de Cans de Rastro sobre Coello Nos mesmos terreos e co mesmo gañador que na edición do 2021 celebrouse no día de onte, 1 de outubro, a edición número XXXI do Campionato Galego de Cans de Rastro sobre Coello. Baixo a organización da Federación Galega de Caza e grazas á colaboración da Sociedade de Caza e Pesca do Barbanza desputábase o autonómico de coello no cal Francisco Couselo Castiñeira e Jose María Álvarez Villar formaron o Xurado de Competición e Oscar Meijide Varela encargaouse da dirección do mesmo. Un campionato no que participaron diferentes lotes clasificados nos respectivos campionatos provinciais da Coruña e Pontevedra. Boa climatoloxía e unha densidade aceptable de coellos fixo que os cans rastrexadores fosen quen de facer prestacións de calidade. Ao igual que fixo na edición do 2021, Juan Formoso Raposo foi o que acadou o posto máis alto da clasificación cun total de 546 puntos, participando cun lote de beagles composto por “Nit, Toxo, Yan e Toro“. Destacamos a calidade da canceira do campión Formoso que revalida o título cun lote de cans diferentes ao da edición anterior. A segunda posición e con 530 puntos foi para o lote tamén de beagles propiedade de Jose Antonio Mariño Vidal. O bronce era para Alfonso Rey Baulde, que sumou un total de 512 e repetiu a mesma posición acadada o ano pasado. O can de nome “Toxo” propiedade do campión Juan Formoso Raposo foi nomeado como Mellor Can da Proba cun total de 142 puntos. Juan Formoso culminou unha brilante actuación neste 2022 recibindo tamén a placa de campión da Copa Galicia da especialidade. No trascurso da entrega de premios o Delegado de Rastro Autonómico, Oscar Meijide, fixo unha valoración moi positiva do trascorrer da proba agradecendo a presencia de Cristina Carrión, Xefa Territorial de Medio Ambiente na Coruña. Este Campionato Galego contou co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, Mutuasport e Arion.
|