CANS PARADA PERDIZ MONTAÑA
Éxito rotundo da I Proba de Cans de Parada sobre Perdiz en Montaña
04/09/2022

A Federación Galega de Caza na Coruña celebrou o sábado 3 de setembro a primeira proba de montaña sobre perdiz que se celebra a escala federativa en Galicia, concretamente nos Tecores societarios de Eixil de Cedeira-Cerdido e Ortegal de Ortigueira.

A proba desenvolveuse sobre perdiz salvaxe e perdiz repoboada cunha antelación dun mes, perfectamente asilvestrada e que ao mesmo tempo permitiu que os cans tivesen opcións de poñelas, proba diso é que das 11 parellas presentadas, en 9 se avistaron perdices e houbo 7 resultados.

A proba foi xulgada por José Manuel Pallas, Antonio Fraga e José Ángel Seco e actuou como guía Javier, presidente do tecor de Eixil.

Presentáronse 19 setters ingleses, 2 pointer e 1 braca alemá. Ao tratarse dunha proba de iniciación á caza práctica fíxose unha batería mixta.

Resultou gañadora a braca alemana “Mai de la Judería”, de Vicente Cortés, coa cualificación de 1º Exc. logo dun moi bo recorrido e un belísimo punto sobre un bando de perdices. 

Segunda clasificada foi a setter inglés “Daisy de Piago”, de René Vale, coa cualificación de MB, destacando dela a excepcional plasticidade e tipicidade das súas dúas mostras. 

Terceira, e mellor exemplar menor de 24 meses, foi a pointer femia “Galega da Brisa” de Eliseo Faraldo, cun bo recorrido e mostra. 

En total entraron 7 cans na clasificación e temos que destacar o gran ambiente e deportividade, así como a beleza e gran valía dos montes para este tipo de probas.

Este Campionato contou coa colaboración da Deputación da Coruña e o patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte e Mutuasport.