NACIONAL DE RASTRO DE XABARIL
Salvador Sestelo coa cadela “Beba” proclamáronse Campións de España de Rastro de Xabaril
18/07/2022

XXIX Campionato de España de Cans de Rastro Atraelados sobre Xabaril

O pasado 16 de xullo, os concellos lucenses de Mondoñedo e Pastoriza acolleron a edición XXIX do Campionato de España de Cans de Rastro Atraelados sobre Xabaril organizado pola Real Federación Española de Caza, a Federación Galega de Caza e coa colaboración dos Tecores Terra Cha e O Polémico.

Esta destacada cita para os monteiros norteños comezaba na xornada do venres 15 de xullo no Auditorio Municipal de Mondoñedo coa chegada de participantes, entrega de dorsais e inauguración da proba por parte das autoridades. Rematado este acto tivo lugar a cea de benvida nas instalacións do Instituto San Rosendo.

Foron os montes do Campo do Oso nos que se celebraron a fase clasificatoria e final deste campionato nacional de cans de rastro sobre xabaril. Uns terreos cunhas condicións extraordinarias para a celebración deste tipo de probas. E nos que unha vez máis os galegos amosaron o alto nivel nesta modalidade deportiva cinexética e foron quen de clasificar a totalidade da selección galega para a fase final, nada menos que 8 dos 12 finalistas eran da nosa comunidade.

Na fase clasificatoria facemos unha mención especial ao primeiro posto acadado polo galego Michael Otero con “Chacho” no campo Par. No campo Impar o primeiro posto era para o vasco Mikel Iturralde con “Reme”.

A orografía do terreo tan ben elexido pola organización permitiu, ao numeroso publico asistente, desfrutar dunha fermosa fase final na que a calidade de cans e monteiros foi patente apesares da sequedade do terreo e a elevada temperatura reinante.

Rematada a competición e namentres que o equipo de xuíces resolvía a clasificación final, o presidente da FGC, Javier Nogueira, en representación de Mutuasport facía entrega da Medalla da Deportividade de Mutuasport ao xuíz cántabro Caredo pola súa traxectoria, vinculación e esforzo a favor do mundo do rastro.

Jaime González como Delegado Autonómico e Oscar Meijide como Delegado Nacional foron os encargados de dar a coñecer a clasificación final na que Galicia voltaba ao máis alto da clasificación gracias ao pontevedrés Salvador Sestelo que coa súa cadela “Beba” proclamábanse campións de España con 234,5 puntos. O asturiano Iván Berros con “Dembelé” eran os subcampións con 215,5 puntos. O bronce tamén era para Galicia da man do actual campión galego, Antonio Sánchez con “Chico” e 211 puntos. Destacamos o papel dos galegos no que o cuarto posto era para Jose Manuel Barreiro con “Brisa”, o quinto para Martín Martínez con “Camarón” e o sexto de Joaquín Guerreiro con “Lie”.

Dende a FGC agradecen a presenza das autoridades no transcurso da celebración desta proba nacional. A organización e os participantes estiveron acompañados polo alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, o alcalde de Xermade e Deputado provincial, Roberto García, a Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén Do Campo e a Deputada e presidenta do Partido Popular en Lugo, Elena Candia. Un agradecemento tamén a todos os colaborados e ao patrocinio especial de pensos Maxxidog premium.