CANS DE RASTRO SOBRE LEBRE
O lote propiedade de Manuel Fernández resultou campión da II proba de lebre
09/05/2022

II Proba de Cans de Rastro sobre Lebre

Co éxito acadado na primeira edición, o pasado domingo 8 de maio chegaba unha cita moi agardada para os apaixoados dos cans de rastro sobre lebre.

Unha proba que chegaba a súa segunda edición grazas a organización da Federación Galega de Caza de A Coruña e á colaboración esencial dos acoutados das sociedades de caza Halcón de Mazaricos e Cinexética Carnotana que puxeron á disposición os seus terreos para que os participantes e cans desfrutasen dunha gran xornada cinexético deportiva.

Foi o cazador Manuel Fernández Pampin o que co seu lote composto por “Niebla”, “Lena”, “Piboum”, “Sota”, “Sahsa” e “Bimba” obtiña o primeiro posto da clasificación xeral con 122 puntos.

O segundo posto foi para Diego Gay Varela que cos seus cans de nome “Acelerado”, “Flecha”, “Willy”, “Kora”, “Inox” e “Las” obtiña o segundo posto con 118 puntos.

O bronce foi para o lote propiedade de Jose María Méndez Campos e conformado por “Tom”, “Sol”, “Piston”, “León”, “Bobi” e “Rin” e 111 puntos.

 

A cadela “Kora” do subcampión Diego Gay Varela foi galardoada co premio ao Mellor Can con 130 puntos. 

Esta proba contou co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, Mutuasport, Arion e coa colaboración de Solognac.