COMITÉ GALEGO DE CAZA |
Xuntanza do Comité Galego de Caza e propostas da FGC |
04/04/2022 |
Na mañá de hoxe, luns día 4 de abril, tivo lugar a xuntanza do Comité Galego de Caza, cuxos acordos servirán de base para confeccionar a “Resolución de Vedas” que regula os períodos hábiles de caza das distintas especies cinexéticas para a vindeira tempada de caza 2022/2023. Un Comité que tamén foi un punto de encontro para o análise da situación actual da caza e tamén de acollida ás diferentes propostas presentadas pola Federación Galega de Caza. O Comité estivo composto polos diferentes representantes dos cazadores galegos e das sociedades de caza, entre os que se atopaban os catro presidentes provinciais da Federación Galega de Caza, e todos eles encabezados polo presidente da FGC, Javier Nogueira Diz; así como representantes da administración autonómica e a Directora Xeral de Conservación da Natureza, Belén do Campo. A FGC amosouse satisfeita pola boa acollida que tiveron, por parte da Administración, as diferentes propostas presentadas en prol da caza, dos cazadores e das sociedades de caza, entre as que destacamos as seguintes:
A FGC agarda que estas propostas rematen en bo porto e que a Administración as faga realidade porque darán un pulo e posta en valor á actividade cinexética, ao rural e a biodiversidade galega. A Consellería tamén informou da presentación de alegacións ao Anteproxecto da Lei de Protección e Benestar Animal anunciado polo Goberno central. Feito que agradeceu o ente federativo e que todo indica a que ditas alegacións van en concordancia coas presentadas pola FGC a través da Real Federación Española de Caza. Rematado o Comité todo apunta a que serán mínimas as modificacións da vindeira Orde de Vedas con respecto ao exercicio cinexético anterior no tocante ás modalidades e aos periodos hábiles de caza das diferentes especies cinexéticas. Queda todo emprazado para que sexa a Consellería do Medio Ambiente a que fixe, coa publicación da Resolución de Vedas, as regras que rexerán a práctica cinexética na nosa comunidade na vindeira tempada. |