RASTRO XABARIL SALVAXE
A monteira Elisa Amado con “Jamón da Queda” gañadores en Narón
12/04/2021

III Proba de Cans de Rastro Atraelados sobre Xabaril Salvaxe

O pasado 10 de abril e baixo a organización da Federación Galega de Caza en A Coruña e contando coa inestimable colaboración da Sociedade de Caza e Pesca de Xubia tivo lugar a terceira edición da Proba de Cans de Rastro Atraelados sobre Xabaril Salvaxe. Unha proba que, ao igual que en edicións anteriores, foi todo un éxito en canto a participación e o desenrolo satisfactorio da mesma.

A proba trascorreu sen imprevisto e o número de rastros dispostos pola organización foron suficientes para os 36 monteiros e cans inscritos. Temos que facer unha mención especial a este tipo de probas sen morte onde participaron monteiros nun amplo abano de idade, dende os 8 anos ata os 80. Unha xornada na que se puido observar o bo facer dos cans adestrados de xeito maxistral para o seguimento do rastro deixado polos xabariles durante o seu deambular nocturno.

O Xurado da Competición estivo integrado por Manuel Penabad Corral e sendo o Director da Proba Secundino José Carballo Gayo. Actuaron como xuíces Alfonso Collazo, Eduardo Casal, Mario Dios e Oscar Caamaño.

Se algo temos que destacar desta extraordinaria xornada de cans, monteiros e rastros foi a boa participación de xóvenes promesas, rapaces de curta idade que xa garantizan o relevo xeracional desta actividade e que se desenvolveron como expertos monteiros no manexo da traílla.

O azul de gascuña de nome “Jamón da Queda” propiedade da monteira Elisa Amado Parga foron os que obtiveron unha maior calificación cun total de 234 puntos que os converteu nos campións da proba. David Iglesias Lorenzo coa sabuxa “Chata” era o segundo clasificado con 216 puntos. Os mesmos puntos pero en terceira posición remataba José Cesar Lorenzo con “Perla”. Erik Iglesias Meizoso con “Luna” era o cuarto clasificado e o xuvenil que mellor puntuación acadou cun total de 195,5 puntos. Roberto Vázquez Rocha con “Duna” foi o quinto clasificado con 189 puntos.