A Federación Galega de Caza, en colaboración coa Sociedade de Caza e Pesca de Silleda, celebrará o vindeiro 6 de xuño o sétimo Campionato Provincial de Cans de Rastro Atrelados, na modalidade de xabarín, nos montes do municipio dezao. Será a primeira vez que a proba se realice fóra de Pontevedra, e atende a unha solicitude cursada dende a sociedade silledense a instancia de varios asociados da agrupación silledense.
Este tipo de competicións consisten en seguir a pista do xabarín coa axuda de cans de rastro, que son conducidos á grade ou á traílla. «É unha modalidade deportiva pouco coñecida. A día de hoxe son poucos os cazadores que a practican pero é certo que os que estiveron participando nalgún campionato voltaron a repetir experiencia, por algo será. A federación o que pretende é dar a coñecer novas modalidades deportivas, coma esta, é espallalas pola xeografía galega. É unha actividade novidosa e diferente sen morte, para que se saiba que non sempre matamos animais», según salientou o presidente da Sociedade de Caza e Pesca de Silleda José Antonio Pena Fernández.
A celebración do Campionato Provincial de Cans de Rastro Atrelados «é un excelente método para entrenar os animais», engadiu o presidente. Ao acto se prevé asistan entre corenta e cincoenta cazadores procedentes de distintos puntos da xeografía galega, entre os que haberá algúns cazadores da zona. O campionato desenvolverase no monte do Candán. «O que non sabemos aínda con certeza é se será na delimitación do Candán coa parroquia de Laro ou coa de Siador». Unha decisión que tomarán responsables da Federación Galega de Caza xunto aos responsables da Sociedade de Caza silledense nunha vindeira visita á zona.
Por outra banda, a Sociedade de Caza e Pesca de Silleda aproveitará a celebración do campionato para levar a cabo o mesmo día, o 6 de xuño, a Festa do Socio Cazador e Pescador. Para esa xornada se están a organizar diversas actividades para os asociados como será un campionato de pesca e unha gran comida de confraternidade. A sociedade silledense namentras continúa desenvolvendo tarefas de limpeza e desbroces. «Acabamos de preparar os hábitats para os coellos e as perdices. Fixemos cortas e importantes desbroces e limpezas nos montes para evitar, dentro das nosas posibilidades, incendios forestais. Por outra parte, lembramos a todos os interesados que o campo de tiro permanece aberto para as prácticas de tiro ao prato. Penso que para unha agrupación coma a nosa, a de Silleda, contamos con bastantes actividades e traballamos o que podemos. Está claro que nunca todos opinan igual». |