O COMITE GALEGO SERÁ O 15 DE ABRIL
Javier Nogueira e Ángeles Vázquez reuníanse hoxe por videoconferencia para analizar a situación da caza en Galicia
07/04/2020

Santiago, 7 de abril de 2020

A Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Presidente da Federación Galega de Caza mantiñan unha videoconferencia durante a mañá de hoxe, na que tamén participaban a Directora Xeral de Patrimonio Natural e o Presidente da Federación Galega de Pesca. Durante a xuntanza abordouse a problemática da caza e da pesca durante a situación actual de  alerta sanitaria.

Entre os asuntos tratados, falouse de buscar unha solución ás repoboacións de coellos dada a situación que se está a vivir nas actuais circunstancias de confinamento, sinalando a Conselleira que algúns expedientes xa están solucionados e outros en vía de solución. Comentouse tamén que á volta á actividade cinexética vai depender da evolución da alerta sanitaria, e en todo caso o que si quedou claro é que a volta será escalonada, pouco a pouco.

O vindeiro 15 de abril, os representantes federativos están convocados a unha reunión do Comité Galego de Caza no que se fará unha análise máis exhaustiva da situación cinexética de cara á regulación da nova tempada de caza, no que os representantes da FGC tras escoitar e avaliar, como por outro lado é habitual,  as diferentes propostas e informes técnicos da Administración manifestará a súa postura, buscando sempre o mellor tanto para a xestión cinexética como para a caza e os cazadores galegos.