CANS DE PARADA OURENSE
Carnota Ríos con “Berta” e “Bren” foi o triunfador en Ourense na proba de “Cans de Parada - II Copa Deputación Ourense"
10/03/2020

O pasado día 8 de marzo na Limia, concretamente  no lugar de “A Lomba”, e nun día cun tempo axeitado para o desenvolvemento deste torneo, celebrábase o “Provincial de Cans de Parada - II Copa Deputación de Ourense". Acontecemento do que se  responsabilizou de organizar a Federación Galega de Caza en Ourense, coa colaboración da sociedade de Caza de Xinzo. Un vistoso exercicio no que os cadelos son os verdadeiros protagonistas da xornada, ascendendo a participación (aberta) en “británicos” a 19 cans e en “continentais” a 5, levándose a cabo o exercicio entre as 9 da mañá e as 2 da tarde. 

CLASIFICACIÓN

En razas británicas, o ordense José Mª Carnota Ríos, con “Berta (SIF), premiada cun  “excelente” (é a actual campiona galega desta modalidade), e un “2º moi bo”, acadado por “Bren” (SIM), foi o verdadeiro triunfador da xornada, xunto con Antonio Vilar Vigo, quen con “Lío” (SIM)  logrou un “3º moi bo”. Polo que respecta á categoría de “continentais”, Vicente Cortés Doce, con “Óscar” (BAM) cualificado con un “bo”, foi o único premiado.

CLAUSURA

Á clausura, asistiu, ademais doutros federativos, o mandamais deste ente na provincia, Antonio García Reinoso, quen manifestou o seu agradecemento ao mandatario locatario, David Pérez,  pola cesión dos terreos cinexéticos e a colaboración prestada. Pola súa banda, Pérez Álvarez dixo estar disposto a acoller estes torneos cando fose necesário, “así que estamos aquí para que veñades cando queirades” . Castro Rivela, agradeceu a presenza de todos e felicitou aos gañadores, para seguidamente procederse a entrega dos trofeos que estaban en disputa.