SAN HUBERTO EN O PINO
Miro Leira gaña o II Campionato de San Huberto no Pino
02/05/2019

O pasado 27 de abril desputábase a segunda edición do Campionato de Caza de San Huberto no concello de O Pino. A proba, organizada pola Asociación de Cazadores A Magdalena en colaboración coa Federación Galega de Caza en A Coruña, contou cunha alta participación e unha extraordinaria organización capitaneada por Manuel Taboada.

Finalmente a temida choiva non fixo acto de presencia e gozouse dun tempo fresco durante as quendas clasificatorias, aínda que durante o agardado barrage o sol fixo acto de presencia elevando un pouco a temperatura, pero sen ser un problema para cazadores e cans 

Cada un dos cazadores participantes na proba, puntuable para a Copa Galicia, dispuxo de vinte minutos para amosar a súa puntería e a sintonía co seu can para a caza de perdices. 

A clasificación final quedou do seguinte xeito: Campión Miro Leira co epagneul bretón macho de nome “Nilo”. Juan José Canosa, co setter inglés macho “Honey de la Fougére Aigle”, acadaba a prata namentres que Roberto Dopico co setter inglés macho “Bruxo de Vilar de Donas” obtiña o bronce.