PROVINCIAL OURENSE CAZA MENOR
O campión galego da modalidade, Jorge Vázquez, gañador do provincial
29/10/2018

O campión galego de “Caza Menor con Can”, Jorge Vázquez, amosou a súa sapiencia  en Ourense, superando o seu máis inmediato seguidor en 350 puntos no Campionato Provincial da modalidade disputado o derradeiro sábado do mes de outubro no Tecor de Sandiás nun día ventoso e frío.

Un torneo clasificatorio para o Autonómico da mesma disciplina que se responsabilizou de organizar a Federación Galega de Caza en Ourense, con Manuel Feijoo e José Castro, que tamén foi o Director da Proba. Unha  participación que non superou a decena de competidores pero na que se capturaron as 31 pezas que se presentaron no posto de control. Concretamente: 25 paspallás, 3 perdices, 2 pombos e 1 parrulo. Delas 6 foron parar o morral do vencedor da contenda venatoria quen, por certo, non ocupará a praza gañada na fase final galega xa que participará por dereito propio o quedar campión o pasado ano.

CLASIFICACIÓN

1º e campión, Jorge Vázquez Iglesias (Sociedade de Castro Caldelas). Cazou coa cadela “Musa” (SIH)  e acadou 1.100 puntos con 1 perdiz, 1 pomba e 4 paspallás.

2º e subcampión, Jaime Pintos Davila (Vilar de Barrio). Auxiliouse con “Hidra de Pasarín” (SIH)  e cobrou  2 paspallás e unha perdiz que lle deron 750 puntos

3º,  José A.Vázquez Rivera (Bande), contou coa axuda de “Katy” (SIH)  e logrou cazar 1 ansar común e 4 paspallás que lle valeron 600 puntos.

4º,  José Carlos Otero (Sociedade Pena Maior), Cazou con “Luna da Lobada” (SIH), e capturou 1  perdiz que lle reportou 550 puntos.

5º, Rubén Martínez Bugallo (Cartelle),  contou coa colaboración de “Lis” (EBH), presentando no control 1 pombo e 4 paspallás que lle deron a suma tamén 550 puntos.

Rematado o exercicio levouse a cabo un xantar de confraternización, ao que asistiu o mandamais do tecor convidador, Luís Fernández González, quen entregou varios trofeos e recibiu diversas felicitacións polo fenomenal tecor que preside. Parabéns que tamén foron para Toño, o dono do establecemento hostaleiro en cuestión, polo trato dispensado o persoal.

Así mesmo dicir, que a dona,  Inés Darriba Ferreira, puxo a nota feminina o Campionato o participar como xuíz de campo. Que tódolos participantes recibiron un  agasallo de recordo. E que LUMAVISIÓN GALICIA realizou unha ampla reportaxe do acontecemento que proximamente veremos en Vía Tv., no canal propio de Lumavisión Galicia en YouTube e na Páxina Web da Federación Galega de Caza.