PROVINCIAL PONTEVEDRA COELLO |
Alfonso Rey Foi o mellor no provincial pontevedrés de coello |
01/10/2018 |
O cazador Alfonso Rey Baulde, da Sociedade “Ría Baixas” co equipo de beagles, “Xouba”, “Clay”, “Trus” e “Trasno”, é o novo campión pontevedrés de “Cans de Rastro” logo de gañar o Campionato provincial da especialidade celebrado o pasado día 30 de setembro nos montes dos tecores de Cotobade e Coirego, disputado en catro campos nos que participaron un total de 10 cazadores, dispoñendo cada un deles dunha hora para amosar toda a sapiencia na modalidade en cuestión nunha xornada moi calUrosa e nun marco tan precioso cono agostado, o que fixo que os concursantes non lle puidesen sacar todo o rendemento, todo o xugo venatorio coelleiro, aos citados tecores. Da organización ocupouse a Federación Galega de Caza de Pontevedra que, xunto coas sociedades anfitrioas, tiñan todo a punto para que o torneo repetise éxito, comezando o exercicio ás 9 da mañá para rematar cerca das dúas da tarde. Tempo no que os 10 participantes poideran comprobar como a case trintena de cadelos, a pesar da calor, levantaban un bo número de coellos para gozo dos donos, dos xuíces e dos mesmos cánidos. Da dirección do Campionato responsabilizouse Rubén Saavedra quen cualificou o evento de “duro, pero satisfactorio”. CLASIFICACIÓN A clasificación nos primeiros postos quedou como sigue: 1º e Campión, Alfonso Rey Baulde (Sociedade “Rías Baixas” co lote de beagles “Xouba”, “Clay”, “Trus” e “Trasno” (“Rías Baixas”). Fixo 496 puntos. 2º e Subcampión, Jaime López Castro (Sociedade “Río Ulla”), con “Pólvora”, “Mía”, “Pipa” e “Pulga” . Fixo 472 puntos. 3º, Carlos Martínez Búa, (Sociedade Salnés-Ribadumia) cos podengos “Lula”, “Kapó”, “Barry”, y “Lord”, acadou 448 puntos. Este tres cazadores serán os que formarán o equipo pontevedrés que defenderá as cores no XXVIII Campionato Galego que terá lugar o seis de outubro en montes de Riveira (A Coruña). O can que máis puntuou do Campionato foi “Susi”, de Iván Aranguren. Concluído o exercicio levouse a cabo o tradicional xantar de Clausura, sendo o seu remate cando se entregaron trofeos e agasallos, así como os correspondentes diplomas acreditativos aos participantes con mellor resultado. Tampouco faltaron os discursos nin as opinións. Estas por certo foron case unánimes: moito sacrificio de cazadores, xuíces e cans; boa organización e excelente ambiente e deportividade. Mentres o xuíz, Juan Ángel Alonso, opinaba que “a dureza do monte, o moito calor e a sequedade do terreo marcou o traballo dos cans”.A pesar delo, a densidade de coellos foi considerada como “media-alta”.
|