EN SILLEDA
Programa de actividades da FGC na Feira FECAP ABanca 2018
07/06/2018

Un ano máis, e como non podía ser doutro xeito, a Federación Galega de Caza estará presente na Feira de Caza, Pesca e Natureza FECAP ABanca que comeza hoxe, e se desenvolverá ata o vindeiro domingo 10 de xuño, no marco da Feira Internacional Semana Verde de Silleda (Pontevedra).

Ademais do stand que poderá visitarse durante tódolos días da feira para coñecer as actividades federativas e informarse sobre calquera cuestión relacionada coa caza e a Federación, novamente levaranse a cabo diversas actividades para tódalas idades.

O xoves e o venres pola mañá, os máis pequenos poderán ver cómo funciona un biotopo, que estará situado a carón do stand da FGC, onde se realizarán soltas de paspallás e coellos. Os nenos que se despracen a Silleda poderán ver en acción tamén os cans da disciplina de Agility, e participar nas prácticas de caza con arco que levarán a cabo os clubes Arcocelta e Arkeiros do Deza.

A exhibición e práctica de caza con arco seguirá ao longo de toda a feira, pero ademais o sábado os competidores e xuíces das disciplinas de San Huberto e Cans de Mostra poderán asistir a un Curso de Adestramento de Cans de Mostra ou á xornada de Criterios de Avaliación para probas de San Huberto con Spaniels.

Tamén os afecionados ao rastro de xabaril teñen un cita en Silleda, pois o sábado terá lugar o Campionato Provincial de Pontevedra de Cans de Rastro atrelados na modalidade de Xabaril.

Xa o domingo, a partir das 9.00h os amantes dos cans de caza poderán disfrutar da exposición dos 12 Mellores Campions e Criadores de Cans de Caza Galegos, que organiza a FECAP en colaboración coa Federación Galega de Caza.

Xa para rematar disputarase un ano máis unha proba de Agility, puntuable para a Liga Autonómica desta disciplina.

Xa de volta no stand federativo, os asistentes poderán ver ao longo de toda a feira a águia harris "Hermione", en mans da súa dona a cetreira federada Nuria Gallego, militar da BRILAT, que nos acompañará un ano máis.

Tamén a carón do stand da FGC estará dispoñible o novo simulador de caza Sim Way HUNT, que sen dúbida será un dos focos de atención da feira, e que será de libre acceso para federados e para os nenos que se acheguen ao stand.

Finalmente, os visitantes poderán participar no sorteo diario de 2 Seguros de Caza PREMIUM Mutuasport, o seguro de caza máis completo do mercado, con máis de 1.000.000 € de cobertura, para o que só será necesario cubrir unha papeleta.

Así pois, tódolos afecionados ao deporte cinexético teñen unha cita dende hoxe e ata o domingo en Silleda (Pontevedra), na feira FECAP ABanca onde a Federación Galega de Caza os agarda.