RASTRO XABARIL SALVAXE
O monteiro David Iglesias gañador de Ortigueira 2018
28/05/2018

X Copa Federación de Cans de Rastro sobre Xabaril Salvaxe sen Morte na modalidade Xauría

 

O pasado 26 de maio desputouse nos concellos de Ortigueira, Cedeira, Cerdido, Cariño e Mañón, a X Copa Federación de Cans de Rastro sobre Xabaril Salvaxe sen Morte, na modalidade de Xauría, organizado pola Federación Galega de Caza en A Coruña e coa colaboración das Sociedades de Cazadores de Ortegal, Mañón e Eixil. Sen lugar a dúbidas Ortigueira xa se consolidou como a proba por excelencia de cans de rastro sobre  xabaril salvaxe sen morte para xaurías, tanto pola calidade da mesma como pola súa repercusión mediática no mundo do can de xabaril.

Nesta edición participaron un total de 24 equipos con cadanseu lote de cans compostos por 6 cans e ata tres condutores. Os equipos participantes chegaron dende a veciña Asturias, Cantabria e Galicia. Destacar o interese que esperta esta proba que conleva un enorme peso organizativo no que nesta décima edición interviñeron máis de 130 rastreadores, xuíces e guías que puxeron a disposición dos participantes máis de 70 rastros de xabaril nas 24 manchas dispoñibles, descartando, como é lóxico, os rastros de femias de xabaril seguido das súas crías.

Os participantes dispuxeron dun pequeno tempo para facer un achegamento previo a traela ou no seu caso o desbotar ese rastro e empregar outro facilitado pola organización. Unha vez feito dita comprobación, tería lugar a solta dos cans no que estes dispoñían de 2 horas para facer o achegamento, levante e persecución.

A proba foi, como en edicións anteriores, todo un éxito e os 24 xuíces encargados de xulgar a proba, contabilizaron un sen fin de levantes de xabaril e avistamentos que fixeron as ledicias do numeroso público que seguiu o discorrer desta proba. Resaltar que nesta edición aclimatoloxía quixo estar moi presente en forma de choiva e neboa pero non por iso desluciu a xornada e a gran maioría dos lotes fixeron levantas de xabaril o que demostra o bo facer de rastreadores, organización, densidade de xabaril e calidade dos cans e monteiros participantes.

Foi o lote do monteiro galego David Iglesias Lorenzo o que acadaba o primeiro posto e se convertía no campión desta X Copa Federación de Cans de Rastro sobre Xabaril Salvaxe sen Morte co lote de cans composto por “Cros, Bull, Pinto, Laika, Dama e Yuli”. O lote do cántabro José Manuel Gutierrez Cosio composto por “Surko, Billería, Serio, Freia, Nessa e Mambro” obtiña segundo posto e xa na terceira posición remataba o tamén galego Sergio Prol Arcos con “Anca, Luna, Furía, Rumba, Fina e Ringo”. O resto da clasificación resultaba do seguinte xeito: 4º posición para Alejandro Couso Rosario, en 5º Luis Mantiñan, 6º Ventura Pallares, en 7ª Ángel Montero Toimil, en 8º Enrique Navedo González, en 9º Víctor Mallo Carro e en 10ª posición Jorge Manuel Garci Granda.

Os mellores cans, premiados fóra de podio, foron: o can de nome “Chatu” propiedade de Jesús Cosio Verdeja, “Tardon” de Luís Mantiñán Pan e “Naya” de Alejandro Couso Rosario, foron os cans máis destacados e premiados nesta X edición.

Case 350 asistentes ateigaban a carpa onde se fixo o xantar de irmandade e se puxo o punto e final a Ortigueira 2018 ao mesmo tempo que comezaban os traballos para Ortigueira 2018.