#CURSOSFGC2017 |
Cheo en Pontevedra no Curso de Seguridade e Primeiros Auxilios |
24/10/2017 |
O Curso de Seguridade no Monte e de Primeiros Auxilios, organizado pola Federación Galega de Caza en Pontevedra, celebrouse de maneira exitosa en Marcón (Pontevedra) o venres 20 do mes de outubro. Foron catro horas (de 19:00 a 23 h.) nas que se tocaron temas de tanta actualidade e importancia como as normas de seguridade no deporte venatorio e os primeiros auxilios en caso de accidente no monte. O presidente da Federación Galega de Caza en Pontevedra, Francisco Couselo e o presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira Diz, foron os encargados de presentar, abrir e pechar o acto, recalcando a importancia da loita para que este deporte teña "risco 0", pedindo á vez que sexa practicado con responsabilidade e civismo. Os membros da Garda Civil de Lugo e Pontevedra, Jaime Lage Pérez e José Luís Villamil Hermida sinalaron a relevancia que ten o xefe das batidas na caza maior e que débeselle facer caso as súas instrucións e respectar as normas nas zonas de seguridade. Pola súa parte o membro do SEPRONA, Álvaro Lago Lusquiño , recalcou que "toda arma é perigosa pese ás medidas de seguridade" e a "importancia de custodiala como está regulamentado cando a levamos nos coches para evitar problemas". Respecto o marco legal, María Teresa González Justo, responsable xurídica da Federación Galega, realizou un percorrido polas infraccións e as súas consecuencias así como as leis de recente aplicación para que os cazadores saiban a que se expoñen o realizar malas prácticas e cal é a xurisdición que lles ampara. O SERGAS tamén contou coa presenza neste evento mediante a intervención das irmás Díaz Hernández, Silvia e Mari que guiaron aos cazadores sobre as manobras a realizar en situacións de perigo, baseándose en tres piares: protexer, alertar e socorrer. Por último, tivo lugar unha mesa redonda na que se puideron resolver ás dubidas dos asistentes. Clausura que levou a cabo tamén o presidente da Federación Galega de Caza, Nogueira Diz. |