EN PEREIRO DE AGUIAR |
Celebrados os cursos de caza en Ourense |
9/10/2017 |
Organizados pola Federación Galega de Caza e tendo de esceario o Centro Cultural “Os Gozos” en Pereiro de Aguiar (Ourense), o pasado día 7 de outubro baixo a denominación: “Seguridade nas Cacerías”, “Primeiros Auxilios”, “Formación responsable de Sociedades de Caza” e “Xestión e Aproveitamento sostible dos recursos Cinexéticos”, celebráronse os dous anunciados cursos de caza nos que os poñentes trataron temas tan interesantes como poden ser a seguridade nas cacerías, primeiros auxilios no monte, xestión interna e administrativa dunha sociedade venatoria, ou a xestión e aproveitamento sostible dos respectivos recursos naturais. O total de inscritos ascendeu a 85 cazadores e de relatores actuaron Aquilino Valencia Salgado, axente medioambiental; Emilio Vila Torreira, tesoureiro da FGC na Coruña e xuíz de rastro e os diplomados en enfermería, Francisco Javier Gómez Pérez e Verónica Civeira Pérez. Xa polo serán interviñeron María Teresa González Justo, avogada e asesora xurídica da FGC, e Darío Andrade Expósito, Técnico de Caza na Subdirección Xeral de Biodiversidade e recursos Cinexéticos e Piscícolas. Tódalas conferencias resultaron ilustrativas, amenas e enormemente interesantes para o colectivo da escopeta e o zurrón, finalizando cada bloque con dúas mesas redondas nas que se puxeron de releve os problemas que maiormente se atopan os cazadores nos temas tratados. |