COMUNICADO DA FGC |
O TSJ de Madrid da a razón ás sociedades expulsadas de Galicia |
27/09/2017 |
No ano 2014, en pleno conflito coa Real Federación Española de Caza (RFEC) tralas eleccións do ano 2012, os, naquel momento, dirixentes da Federación Española expulsaron a tres sociedades galegas que formaban parte da asemblea xeral da RFEC, concretamente ás sociedades de caza Xabarín (A Coruña), Monte Penamaior (Lugo), e Xungos (Ourense). A Federación Galega de Caza (FGC) e as sociedades de caza afectadas entendendo que as expulsións nin se axustaban a dereito nin obedecían a criterios obxectivos, senón que se producían dentro do marco da disputa que mantiña enfrontadas a 8 federacións autonómicas, entre elas a FGC, e a Nacional, recorreu aos tribunais de xustiza, e, tras diversas dilacións no procedemento, por fin o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid ven de dar a razón ás sociedades galegas, anulando a expulsión e condenando en costas aos demandados (Real Federación Española de Caza e Ministerio de Educación, Cultura e Deporte). A pesar de que a sentenza chega tarde, porque desde o pasado mes de febreiro a RFEC conta cun novo Presidente, que conseguiu poñer fin ao enfrontamento aberto polos seus antecesores e reunificar novamente a tódalas federacións do estado dentro da estrutura da RFEC, desde a FGC valoran moi positivamente a sentenza, que xa é firme. |